martes 12.11.2019
o sábado ás 21,00 horas, e o domingo, ás 19,00, son os horarios escollidos para a representación

A obra sobre a morte do enxeñeiro Fernández-España, que bate marcas de taquilla, chega esta fin de semana a Verín

Esta fin de semana, o grupo teatral Chévere tentará arroxar algo de luz sobre o misterio que aínda se agocha naquela fatídica curva preto do río Mente, en O Riós. A compañía representa este sábado e este domingo "Curva España". 

A representación da compañía Chévere, que chega a Verín mañá sábado 28 de setembro e que escenifica parte da historia do val coa sonada morte do enxeñeiro España, está a ter tal éxito de público que aqueles que non teñan entrada para a función das 21,00 horas no auditorio, terán unha segunda posibilidade de poder presenciala este domingo 29 dende as 19,00 horas.

As entradas mantéñense dispoñibles na páxina web www.ataquilla.com, aínda que tamén se poderán adquirir de xeito presencial o propio día dos pases no Auditorio Municipal da vila.

A MISTERIOSA MORTE DO VALEDOR DO TREN

A estraña morte do enxeñeiro España, principal valedor de que o tren pasase por Verín, foi a orixe dunha lenda local que se transmitiu oralmente entre os veciños da comarca nos últimos 100 anos e que acusaba aos caciques da zona de simular un accidente de coche para asasinalo e preservar así os seus escuros intereses económicos.

"Curva España" trata sobre un crime aparentemente sen resolver, unha morte violenta que provoca sospeitas e interrogantes sobre os seus autores, motivacións e consecuencias. A partir da existencia de distintas versións sobre o caso, a compañía Chévere artella unha peza que ironiza sobre o formato documental combinando teatro e cine en directo, que bebe do xénero policial e funciona como unha alegoría da construción do estado nación español coma se fose a promesa dun tren que nunca chegou.

"Curva España" naceu, como idea, precisamente na vila de Verín. Foi un taxista de A Gudiña quen lles contou a misteriosa historia da que aínda non se coñece con exactitude o que ocorreu, a morte do enxeñeiro José Fernández-España y Vigil nunha das curvas da estrada nacional á altura do Mente, pertencente ó Navallo (Riós). A historia deixounos tan marabillados que poucas horas despois decidiron que o vindeiro traballo de Chévere sería ise, unha obra de teatro que tentase desentrañar o acontecido na medida do posible. Para obter maior información, os compoñentes de Chévere, entre os que se atopa o televisivo Miguel de Lira, que deu o salto á fama logo de interpretar o papel de "Currás" na inesquecíbel serie "Mareas vivas" da TVG, desprazábanse o pasado 23 de marzo ata a vila de Verín, onde, na súa biblioteca, entrevistaron a todos aqueles que algo sabían, querían e tiñan que contar sobre a comentada morte do enxeñeiro España. 

A obra sobre a morte do enxeñeiro Fernández-España, que bate marcas de taquilla, chega...
comentarios