xoves 22.08.2019
JOSÉ ANTONIO VELASCO É O AUTOR DO DESEÑO QUE DEU A COÑECER A ORGANIZACIÓN DO EVENTO

A emigración, fonte de inspiración para o cartel da cuarta edición do festival de curtas de Verín

A imaxe grafica da nova edición do Festival, que se celebrará a comezos de decembro en Verín, é obra de José Antonio Velasco, creativo publicitario cunha dilatada experiencia nos eidos da comunicación e da publicidade

De esquerda a dereita: Emilia Somoza -concelleira de Cultura-, José Antonio Velasco -o autor-, Carlos Montero -director do festival- e Jorge Godás -responsable de Creatividade e contidos multimedia do FIC-, durante a presentación.
De esquerda a dereita: Emilia Somoza -concelleira de Cultura-, José Antonio Velasco -o autor-, Carlos Montero -director do festival- e Jorge Godás -responsable de Creatividade e contidos multimedia do FIC-, durante a presentación.

O cartel ilustrador do Festival Internacional de Curtas (FIC Vía XIV) de Verín 2019 foi presentado esta mañá na vila do Támega por Carlos Montero, director do certame, que estivo acompañado por Emilia Somoza, concelleira de Cultura de Verín; Jorge Godás, responsable de Creatividade e Multimedia do festival, e José Antonio Velasco, autor do mesmo e creativo publicitario cunha dilatada experiencia nos eidos da publicidade e da comunicación.

Tal e como apuntou Carlos Montero durante a presentación da imaxe gráfica do certame, o concepto creativo “está inspirado nunha fonda fenda da nosa terra: a da emigración, a da busca desesperada dunha oportunidade”. Precisamente, o da Emigración é un dos eixos temáticos arredor dos cales o FIC Vía XIV sustenta a súa programación (xunto aos de Entroido e Fronteira).

Cartel FIC Vía XIV 2019Cartel definitivo da cuarta edición do Festival Internacional de Curtametraxes de Verín. 

Baixo a denominación Soños ao voo, o deseño realizado para a cuarta edición do festival verinense representa a abstracción dunha inmensa bandada de paxaros nos seus ciclos de migración. Con isto quérese, tamén, en certo modo representar o carácter integrador do FIC, ao preseleccionar cada ano máis dun milleiro de pezas cinematográficas procedentes de todos os recunchos do planeta, “que cargan nas súas ás soños de gloria”, tal e como destaca o autor do deseño, José Antonio Velasco. “Como antes o fixeron os galegos naqueles tempos difíciles”, abonda.

Xunto a isto, a forma dos focos de luz plasmada no deseño fai referencia ao número da edición, a cuarta. Precisamente, ao respecto da nova edición do certame, que se celebrará entre o 30 de novembro e o 8 de decembro, Carlos Montero quixo lembrar que o prazo para a recepción de curtas permanece aberto e que as bases para a participación no Festival poden consultarse na web www.ficviaxiv.com.

A emigración, fonte de inspiración para o cartel da cuarta edición do festival de...
comentarios