A continua falta de profesionais médicos e de enfermería causa un gran malestar na poboación

A veciñanza da Mezquita en loita por unha sanidade pública digna

A veciñanza da Mezquita concentrábase esta mañá diante do centro de saúde para protestar pola falta de profesionais sanitarios. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

A veciñanza da Mezquita concentrábase esta mañá diante do centro de saúde local coa intención de reivindicar unha sanidade digna no seu municipio. O seu alcalde, Rafael Pérez, foi hoxe o encargado de ler un manifesto no que deixaba clara a situación: "Sufrimos unha mala xestión por parte do SERGAS que pagamos todos e todas; falta de médico, falta de enfermeira e compartir profesionais que nos fai sentir cidadáns de segunda".

O que acontece no centro de saúde da Mezquita non é novo, vén de lonxe a continua falta dos profesionais sanitarios mínimos para cubrir as necesidades médicas da súa veciñanza. Son moitos os trastornos e os gastos que veñen tendo, o que fai que a poboación sinta impotencia ante a falta de solucións por parte da administración responsable. Non faltaron carteis de protesta con lemas tristemente xa ben coñecidos na bisbarra: "A Mezquita non se pecha", "Non somos cidadáns de segunda".

"Sentimos unha falta de respecto cara á nosa poboación e queremos dicirlle ao SERGAS, ao seu responsable, ao conselleiro e a todos os que teñan responsabilidade nesta situación que os veciños e as veciñas da Mezquita somos e temos a mesma categoría que o resto de habitantes da comunidade galega", subliñaba Rafael Pérez mentras a veciñanza concentrada rompía en aplausos. Unha vez máis, a administración sanitaria galega abandona á poboación rural, deixándoa sen una atención sanitaria máis que necesaria.

A veciñanza da Mezquita está farta de non contar coa atención sanitaria que precisan. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

Loita por una sanidade pública digna

A decisión de concentrarse xurde coa intención de facer chegar o malestar da veciñanza á administración competente. "Non vamos a permitir que ninguén xogue cos noso dereito a ter unha sanidade digna que pagamos todos. Queremos seguir viviendo na Mezquita, e con médico e enfermeira", afirmaba o alcalde. A poboación da Mezquita está en loita e hoxe deu comezo a súa reivindicación pública para ter unha sanidade digna.

Rafael Pérez animaba á veciñanza a que redacten os seus propios escritos manifestando as súas queixas e os problemas que padecen pola falta de profesionais sanitarios no seu centro de saúde. Manifestos que serán lidos polos veciños e veciñas nas vindeiras concentracións de protesta que terán lugar a partir de hoxe os luns, mércores e venres.