Venres. 29.03.2024
Neste primeiro encontro quería coñecer os proxectos prioritarios dos concellos visitados

Toma de contacto do novo delegado da Xunta cos municipios de Conso-Frieiras

Comezou a percorrido no Concello da Mezquita, onde o seu rexedor, Rafael Pérez, pediulle un maior compromiso do Goberno autonómico "con proxectos específicos de cada concello, porque os modelos cos que se traballa pode que sexan axeitados para uns municipios pero non para outros", asegurou o nacionalista. 

230221 Visita A Mezquita 2
Rafael Pérez -esquerda- alcalde da Mezquita, e o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, esta mañá na Casa do Concello da Mezquita. | FOTO: María José.

Tour do novo delegado da Xunta de Galicia en Ourense pola comarca de Conso-Frieiras. Gabriel Alén visitou esta mañá os municipios da Mezquita, Gudiña e Vilariño de Conso, no que foi un dos primeiros encontros que mantén cos seus respectivos alcaldes non só para darse a coñecer de xeito presencial senón tamén para que estes lles transmitan cales son as prioridades dos seus municipios e a medida na que o Goberno autonómico pode contribuír en levar a cabo os proxectos de maior interese para cadanseu concello

Comezou a xira na Mezquita, onde foi recibido polo alcalde, o nacionalista Rafael Pérez, quen partillou, coma unha das súas principais inquedanzas, o proxecto de recuperación do ciclo do pan que ten moi avanzado e que permitiría explotar ducias de hectáreas "dun par de aldeas que teñen a parcelaria feita e, que pola contra, teñen todas as fincas a monte", apuntaba Pérez Vázquez. 

Bótanse de menos subvencións para proxectos concretos, (...) que non se teñan en conta propostas específicas e que se queira impoñer o modelo da Xunta, que pode ser axeitado para uns municipios pero, evidentemente, non para todos (Rafael Pérez Vázquez, alcalde da Mezquita)

 

O rexedor local apuntou "botar de menos subvencións para proxectos concretos. Cando alguén, algún representante dunha administración local presenta un proxecto concreto que é relativamente sinxelo de levar a cabo, cun orzamento que para o Goberno autonómico non supón moito, bótase moito de menos que non se teñan en conta ese tipo de propostas específicas e que se queira impoñer o modelo da Xunta, que pode ser axeitado para uns municipios pero, evidentemente, non para todos", sinalou logo de agradecer a visita do novo delegado da Xunta de Galicia en Ourense. 

230221 Visita A Mezquita 3Rafael Pérez -dereita- alcalde da Mezquita, e o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, esta mañá no Concello da Mezquita. | Foto: María José. 

Gabriel Alén tomou nota da preocupación do rexedor e púxose ao seu dispor para "poder explicarlle á veciñanza o funcionamento dos bancos de terras para que, mediante ese instrumento, podamos pór en valor eses terreos e darlle o uso que este concello considera axeitado". O delegado da Xunta tamén aproveitou a xuntanza no consistorio da Mezquita para ofrecerlle ao alcalde a posibilidade de declarar algunhas das súas aldeas como "modelo", engandíndoas así a outras da provincia como a de Infesta, no Concello de Monterrei. 

A continuación, ámbolos dous visitaron as actuacións de mellora paisaxística e de embelecemento de bens e recursos que se atopan no Camiño de Santiago, nos núcleos da Canda, A Vilavella e Pereiro de Abaixo. Nestas medidas, a Xunta, a través da Axencia de Turismo de Galicia, investiu 15.000 euros.

O delegado territorial sinalou que “o obxectivo desta liña de apoios é levar adiante actuacións sobre elementos etnográficos, vivendas e espazos agrarios situados na Ruta Xacobea así como traballos de naturalización e embelecemento do trazado que permitan ofrecer a mellor imaxe do Camiño de Santiago, especialmente de cara a celebración deste Ano Xacobeo bianual”. Isto supón unha mobilización de recursos de máis de 1,4 millóns de euros dos que Turismo de Galicia achega o 75% do orzamento, preto de 1 millón de euros, e da que son beneficiarios un total de 31 concellos galegos e 56 particulares nos diferentes itinerarios do Camiño e nas catro provincias galegas.

O obxectivo desta liña é levar adiante actuacións sobre elementos etnográficos, vivendas e espazos agrarios situados na Ruta Xacobea (Gabriel Alén, delegado da Xunta de Galicia en Ourense)

Posteriormente, acompañado polo alcalde, José María Lago, visitou A Gudiña, onde se realizan as obras de construción da nova senda peonil na estrada OU-533, que facilita o acceso á nova estación do AVE. Neste proxecto, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade investiu 48.100 euros. Alén sinalou que o obxectivo era mellorar a accesibilidade á nova estación, aínda que é preciso resolver a súa continuidade por parte de Adif nos terreos internos da terminal e no paso inferior.

O primeiro edil da Gudiña tamén lle pediu ao delegado da Xunta en Ourense que medie para sacar ao seu concello do nivel máximo de restricións, "porque os casos que temos rexistrados son menos dos que oficialmente nos atribúe o Sergas", dixo Lago Cabo, o rexedor. 

230221 Visita senda A Gudiña 2José María Lago -esquerda-, alcalde da Gudiña, e o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, esta mañá no Concello da Gudiña. | FOTO: Delegación Xunta de Galicia. 

Toma de contacto do novo delegado da Xunta cos municipios de Conso-Frieiras