A programación arrancará o mércores coa tradicional cagada da vaquiña repartindo 1000 euros

Sorteo de 6000 euros e actividades para todos os gustos no Nadal da Mezquita

O equipo de xuíces decidindo o lugar preciso da cagada de "Ayuso". | FOTO: Noelia Caseiro.

Comeza a programación de actividades de Nadal na Mezquita co sorteo "Caerán os 1000?". Como cada ano, a "caca da vaca" repartirá cinco vales de 200 euros para mercar no comercio local do municipio. Pero non será o único premio, outros 5000 euros serán sorteados o xoves. A partir de aí, o Concello da Mezquita organizou actividades para festexar o Nadal para todos os gustos: teatro, música, deporte ou cinema, sen esquecer a cabalgata dos Reis Magos nin as visitas do Apalpador e de Papá Noel.

O ano pasado, a vaca "Ayuso" púxollo complicado aos xuíces; ata tres persoas foron necesarias para determinar en que celda caera a súa bosta. Veremos que é o que acontece este mércores, día 18, na explanada fronte ao CEIP Augusto Assia a partir das 11,30 horas.

 

"Concilia Nadal" e actividades para todos

Ademais das distintas actividades programadas para festexar o Nadal, o Concello porá a disposición das familias o programa "Concilia Nadal" os días 23, 26, 27 e 30 de decembro, con actividades para a cativada no Edificio Multiusos en horario de mañá. Tamén o día 30, luns, teñen organizada unha viaxe a Ourense para visitar Pazolandia e asistir ao cine.

Antes diso, a cativada da Mezquita e a da Gudiña xogarán o partido de Nadal no Pavillón da Gudiña o día 21 á tarde. E o Apalpador e Papá Noel estarán por estas terras de montaña; primeiro participarán no Festival de Nadal, que se celebrá o venres 20 e contará con actuacións musicais e teatrais. Logo, o día 23, percorrerán as aldeas da Mezquita para visitar a toda a veciñanza do concello.

Datas e horarios das actividades de Nadal na Mezquita.

E, como non, os Reis de Oriente chegarán o día 5 de xaneiro á Mezquita para estar coa cativada. Ás 19:00 horas comezará a súa cabalgata dende a praza ata o Edificio Multiusos.