Rafael Pérez, alcalde da Mezquita: "Enchen a boca falando da España baleirada, e só fan atacala"
Rafael Pérez Vázquez fala dende tres puntos de vista moi diferentes e que o validan como un dos máis autorizados para emitir un xuízo crítico e argumentado da redución que plantexa Renfe no servizo de trens de alta velocidade: é pai cunha filla en Madrid; alcalde dun concello de pouco máis de mil habitantes e empresario do sector do transporte de viaxeiros que viu como, de xeito sistemático nos últimos lustros, fóronse reducindo conexións de autobús entre as principais vilas do oriente ourensán: "Cando se inaugurou a Alta Velocidade, a Xunta de Galicia botou máis de seis meses sen modificar as frecuencias dos autobuses que partían da estación verinense, dos catro que saían ao longo do día só se chegaba ao último dos trens cara Madrid, o das sete e media da tarde", lembra en declaracións a esta redación diante da estación "Porta de Galicia", logo de manifestarse coma outros tantos centos de persoas contra a supresión de servizos que ten plantexada Renfe.
"Cos primeiros servizos que temos arestora, eu podía coller un tren a primeira hora, pasar todo o día coa miña filla en Madrid e voltar á noite. Agora, con estes horarios, chegarei pasadas as dúas da tarde e non terei nin tempo para comer, porque ás cinco da tarde sairá o último con parada na Gudiña", explica o alcalde da Mezquita dende o seu papel de usuario habitual da Alta Velocidade.
"Os do BNG xa o advertimos hai tempo"
"A nosa formación sempre o mantivo: quen ían saír beneficiadas na liña da alta velocidade son as principais capitais de orixe e destino, isto é, Vigo e Madrid. Eu tiña moi claro que o único beneficio que se ía obter nas zonas deprimidas como a da Mezquita era só no momento da obra, algo que nos veu moi ben pero que non nos debeu cegar ata o punto de non advertir que non tardariamos en perder servizos, como xa nos teñen acostumados", láiase Pérez Vázquez.
Que queren? Saír do traballo pola tarde en Madrid, coller un AVE, ir ver as luces de Nadal e estar de novo á primeira hora na oficina?
"Ademais", prosigue, "non entendo como se unha das xustificacións que nos están dando para reducir estes horarios é a masiva afluencia de turistas á nosa comunidade, eu pregúntome: Que présa ten un turista en chegar pronto a Vigo dende Madrid? Ou é que queren saír do traballo pola tarde, coller o AVE para ir ver as luces de Nadal e estar ao día seguinte a primeira hora de novo na oficina?", pregúntase non sen pouca sorna.
"Un servizo público ten que solucionar problemas aínda que non sexa rendible"
"Estamos entrando en dúas espirais que eu considero moi perigosas", di o alcalde da Mezquita. "A primeira é o da inmediatez. Non podemos pretender que percorrer 600 kilómetros se faga nunha hora, como parece que nos queren acostumar. Ás cousas tamén hai que darlle o seu tempo e o que non se pode é dotar ás grandes cidades de todos os servizos inmediatos, como o tren ou o avión, a costa de discriminar ao interior, como están facendo. Se un vigués quere pórse nunha hora en Madrid, xa ten un aeroporto e o ceo todo para el", afirma Pérez Vázquez.
Se un vigués quere pórse nunha hora en Madrid, xa ten un aeroporto e todo o ceo para el
O alcalde da Mezquita, tamén moi acostumado a lidar coas restricións que a poboación lle supón no manexo das arcas públicas do Concello, tamén é moi crítico "coa filosofía imperante incluso en forzas que se din de esquerda. Un servizo público non ten por que ser rendible. E o transporte ten esa cualificación. Privar á poboación da posibilidade de desprazarse nun transporte público, coas garantías e aforro nos seus petos que iso conleva, é unha aberración se é que se fai con criterios puramente economicistas. De seguir nesta espiral, acabaremos marchando todos para a capital. Enchen a boca falando da España baleirada, e só fan atacala", conclúe un moi crítico Rafael Pérez.