luns 10/08/20
Comercializarán a palla que obteñan e o gran será utilizado para facer pan autóctono

A Mezquita recupera a malla tradicional en Cádavos este domingo cunha máquina de 1965

A malla terá lugar no marco dun proxecto futuro de creación de pan autóctono.

A sega xa foi realizada con apeiros de man reacondicionados, en homenaxe á tradición galega doutra época, ás veces esquecida polas novas xeracións.

Un veciño carga os mollos que serán mallados este domingo en Cádavos. | FOTO: Cedida.
Un veciño carga os mollos que serán mallados este domingo en Cádavos. | FOTO: Cedida.

O próximo domingo, 2 de agosto, o Concello da Mezquita converterá os mollos en feixes de palla cunha máquina de mallar do ano 1965. Rafael Pérez, alcalde do municipio, explicou que dende o concello pretenden recuperar o ciclo completo do pan, pero sen que entren en concurso as cosechadoras, "pois segando con elas a palla estropeábase moito", asegurou o primeiro edil da Mezquita. Así, este domingo, na localidade de Cádavos, dende ben primeira hora da mañá, reproducirase un proceso que se realizou como facían os antepasados do lugar, utilizando apeiros de man que foron reacondicionados para este fin

A palla irá destinada ás pallozas de Piornedo (na Serra dos Ancares lucences) que, pola súa condición xeográfica, non dispoñen da extensión de terreo nin dos requisitos necesarios para autoabastecerse da palla que cadaquén precisa. 

12822dfa-9f6c-4f8f-963e-951aa237b055Veciños da Mezquita cargando os mollos despois de ter segado as leiras cuns apeiros de man reacondicionados. | FOTO: Cedida.

Rafael Pérez explicou que "hai dous pobos que teñen a concentración parcelaria feita e contan, ademáis, con fincas bastante grandes en comparación coas que soe haber na zona". A leira que mallarán o próximo domingo conta con 5 hectáreas de superficie.

O alcalde da Mezquita anunciou que "o que imos facer é un convenio cos titulares para traballar as leiras que están sen sembrar: a titularidade continúa a ser dos propietarios e cédennos o uso". Trátase de recuperar o método utilizado durante décadas polos agricultores galegos e que beneficia tanto a propietarios como a traballadores: tamén permite ter o monte limpo, evitando a propagación dos incendios forestais. 

Os mollos de palla que se van mallar o próximo domingo, nunha das leiras da Mezquita. | FOTO: Cedida.Unha das leiras da Mezquita na que se sementou trigo. | FOTO: Cedida.

Para motivar esta cesión do uso por parte dos titulares "o primeiro ano, aos propietarios desas fincas, váiselle pagar a contribución" e no segundo, se as circunstancias o permiten, "tentarase incluir as leiras na Política Agrícola Común e outorgarlle un tanto por cento da subvención da PAC".   

O concello encárgase de todo o proceso: desbrozar a finca, arala, sementala, segala, mallala, mover o gran e elaborar a fariña. Unha vez que se conte con esa fariña, preténdese elaborar un pan centeo da zona. Xa se enviou a analizar a terra das fincas, para ver se é posible cultivar outro tipo de fariña, de trigo, por exemplo. 

Rafael Pérez concreta que hai un propósito claro detrás desta iniciatvia: "En primeiro lugar, poñer en valor estas terras, que están de monte e, por suposto, potenciar unha materia prima daquí, da zona"

A Mezquita recupera a malla tradicional en Cádavos este domingo cunha máquina de 1965
comentarios