mércores 28/07/21
O Goberno luso permite o tránsito de persoas con motivos xustificados en dúas franxas horarias

Primeiro día ca fronteira aberta por horas entre Vinhais e A Mezquita

O pasado luns 22 de febreiro, rexedores da comarca de Conso-Frieiras e o presidente da Câmara Municipal de Vinhais protagonizaban un acto simbólico de protesta reclamando a reapertura do paso fronteirizo. 

Luís Dos Santos, o presidente da Câmara Municipal de Vinhais (con garavata), achegouse esta mañá ao paso fronteirizo de Manzalvos (A Mezquita). | FOTO: M. Ceballos.
Luís Dos Santos, o presidente da Câmara Municipal de Vinhais (con garavata), achegouse esta mañá ao paso fronteirizo de Manzalvos (A Mezquita). | FOTO: M. Ceballos.

Dende Moimenta (Vinhais) por Manzalvos (A Mezquita) comenzaban esta mañá, dende as 6:00 horas portuguesas -sete en España- a transitar os primeiros traballadores lusos con ocupación en territorio español e que só un día antes estaban obrigados a usar o paso de Feces de Abaixo (Verín) para poder acudir ao seu posto de traballo. Tamén os desprazamentos se producían en sentido contrario, todos ata as dez da mañá no caso español. 

A esa hora, volverá a pecharse o paso fronteirizo ata as 17:00 horas portuguesas (18:00 horas), para permanecer aberto tres horas máis e permitir así o paso, fundamentalmente, de todos aqueles cidadáns de un e outro territorio que teñen obrigas empresariais ou laborais a un e outro lado da fronteira. 

O pasado 22 de febreiro, o alcalde da Mezquita, Rafael Pérez Vázquez, xunto co da Gudiña, José María Lago, e o de Riós, Francisco Armando Veiga Romero, protagonizaban un acto simbólico co presidente da Cámara Municipal de Vinhais, Luís Dos Santos FernandesA intención era conseguir a reapertura do paso fronteirizo de Manzalvos e Moimenta (Portugal), aínda que fose por unhas horas, para permitir a entrada e saída dos traballadores e persoas que o precisen. A reunión estivo seguida dun minuto de silencio por todos aqueles que non poden cruzar. Ese acto de protesta acabou dando os seus froitos e o pasado venres 26 de febreiro o presidente da Câmara Municipal de Vinhais, Luís dos Santos Fernandez, anunciaba a reapertura parcial do paso fronteirizo. 

"España e Portugal acordaron de maneira coordinada prorrogar os controis restablecidos temporalmente na fronteira interior terrestre entre ambos os países a partir desta madrugada, unha medida que ten como obxectivo facer fronte á situación de crise sanitaria ocasionada pola Covid-19", explicou a Delegación do Goberno nun comunicado.

A prórroga destes controis establécese nunha orde asinada polo ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, publicada o pasado venres, 26 de febreiro, no Boletín Oficial do Estado.

Así até o 16 de marzo

O texto sinala que esta medida se manterá até as 1,00 horas do 16 de marzo. Así mesmo, establécese que "as entradas e saídas do territorio español só poderán realizarse polos pasos autorizados e durante os horarios que se establezan".

Os pasos fronteirizos autorizados en Galicia, establecidos de común acordo coas autoridades portuguesas sitúanse, por unha banda os abertos as 24 horas do día todos os días da semana, en Tui-Valença e Verín-Vila Verde da Raia.

Fronteira con Portugal en Manzalvos (Mezquita). | FOTO: M. Ceballos.

Mentres, os pasos abertos de luns a venres de 7,00 a 10,00 e de 18,00 a 21,00 horas (hora española), están en Salvaterra do Miño-Monçao, Arbo-Melgaço, Baltar-Montealegre, A Madalena-Ponte da Barca e Manzalvos-Moimenta.

A orde engade que só se permitirá a entrada a territorio español ás persoas que se atopen nalgún dos supostos recoller no punto 2 do artigo único, entre os que se atopan os traballadores transfronteirizos, traballadores sanitarios e do transporte, lembra a Delegación do Goberno.

Primeiro día ca fronteira aberta por horas entre Vinhais e A Mezquita
comentarios
Entrando na páxina solicitada Saltar publicidade