jueves. 25.04.2024
Nova excavación no Castelo de Santigoso, concello da Mezquita.
Nova excavación arqueolóxica no Castelo de Santigoso, concello da Mezquita.

O Concello da Mezquita continúa o seu labor de fomentar o aproveitamento dos xacementos arqueolóxicos na zona. Se ben hai uns meses os traballos estaban centrados no coñecido como Castelo Grande de Santigoso, agora, dende o pasado 15 de setembro e ata o vindeiro xoves 7 de outubro, o protagonista é o Castelo Pequeno, "que tamén ten moita historia que contar", afirma o arqueólogo Israel Picón, quen está a fronte da intervención coa súa empresa A Citania Arqueoloxía.

Os obxectivos destes traballos, subvencionados pola Deputación, son, en primeiro lugar, consolidar unha das murallas máis senlleiras do Castelo. "Isto faise a través dunha exploración en área e, a maiores, dunha prospección xeofísica, o que nos permite obter información para despois replantexar as zonas de escavación", explica Picón.

Este traballo realízase a través do gradiómetro, un aparello utilizado na ciencia para "medir a taxa de cambio que ocorre nunha cantidade coñecida -de temperatura, presión...- e un campo magnético", aclara o arqueólogo. "Esta medición fíxose nunha superficie de arredor de 2.500 metros cadrados, coa colaboración de Carlos Otero, do CSIC, quen nos estivo asesorando", engade.

Escavación no Castelo de Santigoso.Escavación no Castelo de Santigoso.

Segundo asegura, os resultados deste estudo non foron contundentes, polo que procederon á apertura doutra zona xa coñecida para eles. "O ano pasado descubriramos aquí grans de centeo, os máis antigos da península ibérica con cronoloxías de hai moitos séculos", recorda Israel. "Escavouse aí e noutra zona entre a muralla que pecha o primeiro recinto ocupacional, onde logo se consolidaron arredor de 25-28 metros liñais e onde se comprobou que tiña algo máis de 5 metros de anchura. Estamos a falar dunha muralla impresionante", engade.

Por último, levouse a cabo o rozado manual e integral da zona de pedras fincadas, sempre con control arqueolóxico e posterior topografado. "Estas pedras forman parte dun sistema defensivo que se utilizaba para impedir ou dificultar o paso para a cabalería ou incluso para as persoas", explica. "Con este desbroce queriamos coñecer as dimensións totais que roldan os 2.200 metros cadrados".

Tamén se vai crear na zona unha nova sinaléctica máis actualizada e moderna, con varios soportes e idiomas -galego, castelán e inglés- e en todo o entorno das escavacións. Picón, que dirixe a operación, conta cun amplo equipo formado por María Méndez e Eduardo Velázquez, técnicos arqueólogos; a restauradora Aldara Rico e catro auxiliares.

NOTICIAS VERÍN | Regresan os traballos arqueolóxicos ao Castelo Pequeno de Santigoso