mércores 16/06/21
É un dos lugares referentes para camioneiros e cazadores no entorno da Mezquita

NOTICIAS DE EMPRESA | O restaurante Vía de la Plata, no Pereiro, celebra as súas dúas primeiras décadas de vida

PHOTO-2021-06-04-09-54-41
A entrada ao Vía de la Plata. | FOTO: Iván Iglesias

Corría o ano 2001 cando Marisol Diéguez decidiu deixar a costura e dar o salto profesional á hostalaría. Natural da localidade de Castromil, xa dera os seus primeiros pasos como axudante en varios restaurantes, entre eles, o seu, cando era coñecido por outro nome e pertencía aos antigos donos. Todo isto supuxo "un cambio nos meus gustos. Aí comecei a descubrir o moito que me gustaba a hostalaría. Ademais xa estaba un pouco cansa de tanta puntada. Eu coñecía os antigos donos e en datas importantes como Semana Santa ou Nadal viña botarlles unha man. Todos eses momentos fixéronme entender que necesitaba cambiar", afirma Marisol. E ese cambio pasou por asumir a xerencia do actual Vía de la Plata, que esta semana celebra o seu 20 aniversario. Este hotel e restaurante, sito na localidade de O Pereiro, na Mezquita, é un dos puntos de referencia da zona pola súa ubicación, unha travesía de paso habitual entre Portugal e España

PHOTO-2021-06-04-09-53-07A zona de cafetería, xusto á entrada do local. | FOTO: Iván Iglesias

Por iso, "teño moita clientela fixa, sobre todo chóferes portugueses que fan rutas entre os dous países. Tamén, na época de caza maior, e dende hai 18 anos, veñen cazadores doutras partes de Galicia que se hospedan nas miñas habitacións". Unha relación que xa vai máis aló do puramente profesional. "Cando eles entran pola porta xa sei que lles teño que preparar. Xa son moitos anos xuntos, son amigos, case familia...xente da casa. Temos moita confianza e iso é o máis bonito que me pode pasar", engade, orgullosa. Por esta boa relación, habilitou na zona de aseos unha ducha exclusiva para todos eles. "Mandei construír esta ducha para facilitarlles o paso e a estancia. Se dormen no camión e queren ducharse, poden facelo por só 2€. Pero, se comen ou cean, non lles cobramos nada", afirma.

PHOTO-2021-06-08-10-41-46_2Marisol Diéguez, dona do Vía de la Plata. | FOTO: Iván Iglesias

O Vía de la Plata é un negocio familiar que lidera Marisol coa axuda de catro persoas máis en horario ininterrompido de 07:00 a 01:00 horas, onde se poden facer tódalas comidas do día ou, sen máis, tomar un refresco ben frío nos vindeiros días de verán. Baseado nunha gastronomía caseira, o Vía de la Plata, ofrece menú do día tódolos días do ano. "Hoxe teño sopa de pescado, coello guisado, caldo galego, macarróns á boloñesa e bacalao á galega", conta Gregorio, un cociñeiro venezolano que leva 2 anos en España e 12 na hostalaría. "Os postres tamén son caseiros, como a crema de chocolate e as natillas", engade. Pero o punto forte deste restaurante son, sen dúbida, as carnes á brasa. "Costeletas de porco, de cordeiro, de cabrito, chuletón de tenreira, de boi, churrasco, asado de carnes... Unha gran oferta cunha calidade exquisita e inmellorable", afirma Marisol. "Tamén tiramos un pouco para casa coa elaboración da androlla, producto típico da zona", engade. As preparacións de Gregorio e a súa axudante, Margarita, poden ser degustadas no amplo comedor ou na terraza exterior.

unnamedAs mesas do comedor coas pertinentes medidas anticovid. | FOTO: Iván Iglesias

Conta tamén con servizo de pensión completa as 24 horas do día. O complexo ten sete amplas habitacións, entre dobres e de matrimonio, con cuarto de baño compartido e cun completo equipamento ao servizo do cliente: útiles de aseo, televisión e calefacción. O seu asequible prezo oscila entre os 18 e os 30 euros.

PHOTO-2021-06-04-09-53-06 (1)Unha das habitacións do hotel. Esta, con camas xemelgas. | FOTO: Iván Iglesias

Un cambio de imaxe

Segundo Marisol, a pandemia afectou duramente ao negocio pero lonxe de desanimarse, aproveitou a oportunidade para mellorar as distintas zonas do local, "sempre pensando no mellor para os meus clientes", conta. Durante os meses de peche da hostalaría, fixo unha reforma integral nos cuartos de baño, os cales ampliou e modernizou; e "pensando en nós, os traballadores, tamén mellorou o almacén e construíu un montacargas", afirma Nuria, unha das camareiras, que xa leva seis anos baixo as ordes de Marisol.  Aínda así, a dona asegura que faltan algúns detalles: "quero cambiar a cristaleira do comedor para que entre máis luz e sexa máis acolledor. Tamén quero poñer teito a unha parte da terraza para que, cando faga aire, os clientes estean máis cómodos".

Polo momento, están a retomar pouco a pouco a actividade despois dunha dura época, rodeados dunhas excelentes vistas e un entorno privilexiado. Tamén dun inmellorable ambiente de traballo porque, segundo os seus empregados, "Marisol é unha xefa extraordinaria".

NOTICIAS DE EMPRESA | O restaurante Vía de la Plata, no Pereiro, celebra as súas dúas...
comentarios