A poboación paraliza as concentracións á espera do cumprimento do compromiso adquirido

A Mezquita logra o compromiso do SERGAS: o centro de saúde terá consulta médica a xornada completa

A veciñanza da Mezquita suspende as concentracións á espera do cumprimento do compromiso do SERGAS.

Que a unión fai a forza e que cando eliminan dereitos hai que protestar son principios que ten claros a veciñanza da Mezquita. Así o leva demostrado dende o pasado mes de febreiro, cando veciñas e veciños -fartos de non ter atención sanitaria no municipio- iniciaron as concentracións de protestas diante do centro de saúde para exixir que a administración responsable cumpra a súa obriga de proporcionar unha sanidade pública digna. Xurdiu efecto; onte, os responsables do SERGAS garantiron que van ter cuberta a consulta médica a xornada completa.

"Non vamos a permitir que ninguén xogue cos noso dereito a ter unha sanidade digna que pagamos todos. Queremos seguir viviendo na Mezquita, e con médico e enfermeira", subliñaba o seu alcalde, Rafael Pérez Vázquez, durante a lectura do manifesto na primeira concentración. Con perseveranza, continuaron reuníndose diante do centro de saúde todos os luns, mércores e venres para reclamar os seus dereitos.

Unha tenacidade que logrou os seus frutos. O pasado 3 de marzo o xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, José Santiago Camba Bouzas, chamaba ao alcalde para interesarse pola situación e convidalo a unha reunión na que buscar posibles solucións ao problema da falta de atención sanitaria continuada que sofren no municipio.

Compromiso do SERGAS

A reunión tivo lugar onte, en Verín. Rafael Pérez, Santiago Camba e o novo director do Hospital de Verín, Pablo Martín Lancharro, sentábanse para analizar a situación. Unha vez máis, os representantes do SERGAS mostraron moita cordialidade e volveron incidir en "todos os problemas que teñen para cubrir as prazas". É o mantra que repite a Consellería de Sanidade dende hai tempo como resposta e coartada ante a falta de profesionais de atención primaria no rural.

A resposta do alcalde da Mezquita foi clara ao sinalar que "ese non é problema da veciñanza, que exixe unha solución e quere ter consulta médica". Unha firmeza -de Rafael Pérez e da poboación da Mezquita- que acabou por arrancar o compromiso dos responsables do SERGAS: "Salvo algún caso excepcional ou puntual, vai estar garantida a consulta médica na Mezquita a xornada completa".

Suspenden as mobilizacións

Como acto de boa fe, na Mezquita decidiron paralizar as concentracións diante do centro de saúde á espera de que o SERGAS cumpra o compromiso adquirido. Nembargantes, o seu alcalde, Rafael Pérez, deixa claro que volverán retomalas se non se fai realidade a promesa da administración de dotar ao municipio da atención sanitaria precisa: "A poboación da Mezquita non vai aceptar nada inferior a esto, retomará as manifestacións e as reivindicacións no momento en que non teñamos os mesmos dereitos que o resto do mundo".