mércores 16/06/21
Valdemar Henrique morreu o pasado mes de xaneiro na rúa

A Mezquita levará ó pleno un protocolo para atender casos de “síndrome de Dióxenes”

Manzalvos 3
Unha imaxe do estado no que se atopaba a vivenda. | FOTO: M. Ceballos.

O Concello da Mezquita levará ó pleno que terá lugar este xoves un protocolo de actuación para atender casos de "síndrome de Dióxenes” ou algún tipo de trastorno compatible que supoña algún tipo de risco para a saúde co obxecto de evitar que poidan repetirse episodios como o acontecido en Manzalvos. 

Segundo explica o rexedor desta localidade, o nacionalista Rafael Pérez, esta iniciativa pretende servir de “folla de ruta” para saber como actuar no municipio ourensano ante este tipo de situacións.  

Pretendemos dalgunha maneira evitar que volva pasar ou polo menos, de producirse algún caso, que o Concello teña as ferramentas adecuadas para poder dar unha resposta ou trasladalo a outra Administración (Rafael Pérez, alcalde da Mezquita)

Con todo, Pérez Vázquez advirte da dificultade para detectar este tipo de casos. De feito, “non sabíamos deste. Os que son evidentes sabémolo todos, o problema é a xente que non dá que desconfiar”, engadiu. 

Valdemar Henrique Gomes Padeiro faleceu o pasado 23 de Janeiro nunha rúa de Manzalvos, no Concello da Mezquita, pasadas as cinco da tarde. Foi unha veciña quen alertou de que non sabía nada del e encargouse de contactar coa súa familia en Portugal así como de realizar os primeiros trámites do falecemento e soterramento. 

Nada máis acceder a vivenda, as condicións de insalubridade nas que vivía esta persona eran evidentes. No seu interior, os veciños chegaron a atopar preto de 500 kilos de lixo, unha situación da que o Concello era descoñecedora. 

Por iso, Pérez Vázquez confirmou que o goberno levará ó pleno a posta en marcha dun plan específico “ante situacións de risco” para a saúde pública tales como “trastorno de acumulación”, “síndrome de Dióxenes” e situacións de insalubridade en vivendas e locais do Concello da Mezquita. 

Orde do día

Non é a única cuestión que abordará a Corporación no pleno municipal. Na orden do día, aparece recollido outro punto para a liquidación de Orzamento de 2020 aprobado por decreto de Alcaldía. Ademáis, someterase a aprobación inicial varias modificacións de crédito por xeración de ingresos e transferencias entre partidas así como a delimitación de Núcleo Rural de Tradicional de O Pereiro. 

Os puntos 12, 13 e 14 contemplan a licitación de obras para a renovación das instalacións de alumeado público, en primeiro lugar, en A Mezquita - O Pereiro, por 195.305 euros; en Chaguazoso e Manzalvos (156.662 €) e unha terceira actuación en Vilavella-Cádavos, cuxa licitación ascende a 172.541 euros. 

No que atinxe as mocións, o BNG presentará unha “en defensa dun modelo de enerxía eólica sustentable, xusta e galega fronte ó expolio e a depredación”. Pola súa banda, o PP levará outras dúas: unha relacionada coa defensa de Correos e outra “para a adopción de medidas económicas e sociais en defensa dos autónomos e das Pemes afectadas polas restricións impostas pola crise sanitaria”. 

A Mezquita levará ó pleno un protocolo para atender casos de “síndrome de Dióxenes”
comentarios