sábado. 20.04.2024
e1165123-1b2a-455f-b389-53cfd65fa04f
Adornos feitos polos habitantes da Mezquita que decoran a Casa do Concello. | FOTO: Rafael Pérez.

Este ano A Mezquita énchese de luces por Nadal, ou iso é o que pretenden dende o Concello, a partir da iniciativa persoal dos habitantes. O propio alcalde, Rafael Pérez, informa que, ''esta é unha iniciativa onde pode participar a xente creando os seus deseños. Con ela pretendemos motivar á xente e que participe toda a localidade, non uns poucos. Ademais, queremos axudar ao comercio local mediante uns vales que só se poden gastar nos negocios da Mezquita''. 

Con ela pretendemos motivar á xente e que participe toda a localidade, non uns poucos  (Rafael Pérez, alcalde da Mezquita)

Este vales ou premios á mellor decoración organízanse en tres individuais e dous grupais, con distintas cantidades que oscilan entre os 40€ e os 100€. "Ti traes a túa decoración e a pos nun punto da Praza do Concello que non estea ocupado e, despois, o xurado valorará estes adornos’’. Os gañadores anunciaranse despois de Reis. 

premios decoraciónCuantía dos premios. | FOTO: Concello da Mezquita.

As modalidades serán grupal e individual e é necesario que sexa unha decoración para exterior, que será doada ao embelecemento da localidade. A maiores, aconséllase que, "os deseños se fagan con material reciclado, é dicir, non traer nada que sexa moi industrial". Polo resto, o único límite é a imaxinación.

"Para nós o máis fácil sería contratar unha empresa de iluminación e que puxera moitas luces como nas grandes cidades, pero preferimos que non teña tanto impacto no medioambiente. Non nos gusta nin queremos promover ese tipo de decoración. Preferimos unha iniciativa persoal, co gusto particular de cada un". Por iso, A Mezquita decidiu realizar esta actividade, sendo o primeiro proxecto que se fai deste estilo no lugar.

Preferimos unha iniciativa persoal, co gusto particular de cada un (Rafael Pérez, alcalde da Mezquita)

Segundo afirman, esperan que esta idea se manteña por moitos anos. "Queremos que nos próximos anos haxa máis participantes. Se este ano só conseguimos adornar a praza o ano que ven queremos estendernos ao resto do concello", rematou o rexedor local Pérez Vázquez. 

 

Imaxes dalgúns dos adornos

...

Os veciños da Mezquita implícanse na decoración de Nadal do seu concello