jueves. 18.04.2024
Valdemar Henrique Gomes morreu na rúa e vivía nunhas condicións inimaxinables de insalubridade

A Mezquita deseñará un plan de abordaxe de casos de "síndrome de Dióxenes", para evitar o acontecido en Manzalvos

"Saiu a morrer na rúa porque estou segura de que non quixo que os servizos sanitarios entrasen na súa casa e viran as condicións nas que vivía", di unha das veciñas do cidadán portugués que o pasado sábado faleceu en Manzalvos (A Mezquita) e que se descubriu que vivía nunhas condicións inimaxinables. 

Manzalvos 1
Dependencia que facía as veces de dormitorio da vivenda de Valdomar Henrique.

Valdemar Henrique Gomes Padeiro morreu nunha rúa de Manzalvos, no Concello da Mezquita, o pasado sábado 23 de xaneiro pasadas as cinco da tarde. Levaba uns días mal, non se vía pola aldea. Foi unha veciña quen o botou de menos e o chamou por teléfono esa mesma mañá. Insistiulle en que contactase cos servizos sanitarios, porque de non facelo el, acabaría chamando ela. Valdemar accedeu. Pouco antes das 17:00 horas saía da súa vivenda?, morría minutos despois en plena rúa antes de que chegaran os efectivos do 061.

Manzalvos 2Aspecto que presentaba a dependencia usada como cociña. 

O que se atopou a súa veciña -a mesma que se interesou por el- na súa vivenda, e a familia posteriormente, "non ten nome. Sabiamos todos que era un pouco deixado, porque xa algún de nós o tiveramos acollido noutro tempo, ata que lle cederon esa vivenda, pero non imaxinabamos que estivera a vivir nesas condicións", di María José Ceballos, que se encargou de contactar coa súa familia en Portugal e de realizar os primeiros trámites do falecemento e soterramento. Tamén estivo moi preocupada por "Linda", a cadela de Valdemar que xa foi entregada en adopción. 

Manzalvos 3As condicións de insalubridade nas que vivía o veciño de Manzalvos eran evidentes. 

Rafael Pérez, o rexedor da Mezquita, tampouco sae do seu asombro: "Podo asegurar que non era unha persoa que fixera sospeitar que podería estar vivindo nesas condicións. Tiña ingresos máis ou menos regulares, e incluso participara varios anos en obradoiros e mesmo nas brigadas municipais. O que alí vimos non ten máis nome que o dun severo trastorno que queremos evitar que volva a acontecer", di o alcalde nacionalista. 

Por iso, Pérez Vázquez vén de anunciar a posta en marcha dun plan específico para abordar outros posibles casos no municipio que preside: "Por enriba do dereito á privacidade individual, teñen que estar outros coma o da saúde pública e o do dereito a unha vivenda digna e en condicións de salubridade que non implique riscos para os seus propietarios ou inquilinos", asegura Rafael Pérez. 

O protocolo, no que se porán a traballar "de inmediato os servizos sociais municipais", incluirá, entre outras medidas, a dunha enquisa á poboación para "que de xeito anómino, se así o prefiren, faciliten datos de posibles sospeitas de casos de persoas que poidan estar vivindo en condicións non axeitadas ao século XXI. Tamén darei orde aos servizos municipais, e a aquelas comunidades de veciños xestoras do subministro de auga, que se comprobe se é que existe algunha vivenda habitada que non conte con abastecemento e saneamento, e mesmo se revisará aldea por aldea se todas as casas nas que vivan persoas contan con subministro eléctrico", apunta como principais medidas dese plan. 

Ademais, o rexedor nacionalista apuntou que o seu concello disporá dunha base de datos dos expedientes relacionados con problemáticas compatibles co "Síndrome de Dióxenes", "ou dalgún outro trastorno mental ou da personalidade que poida provocar situacións como a que descubrimos este sábado, sobre os que actuaremos formalmente cun protocolo definido que marque un claro itinerario das medidas a adoptar dende todas as administracións", concluíu. 

O primeiro día de limpeza... E case 500 kilos de lixo

Unha das sobriñas de Valdemar Henrique segue estes días tentando adecentar a vivenda que un veciño de Chaguazoso lle cedera para poder habitala. "No primeiro día debeu baixar para o patio da mesma uns 500 kilos de lixo", din os veciños, aos que agora os servizos municipais do Concello da Mezquita terán que darlle tamén solución. 

manzalvos 4Familiares do finado afánanse estes días en recoller e limpar a vivenda. 

A valedora do pobo suxeriu ás principais capitais artellar un protocolo específico

María Dolores Fernández Galiño asinaba o pasado 16 de setembro de 2020, logo de lle requerir aos Concellos das sete principais cidades galegas información sobre posibles casos do "Síndrome de Dióxenes", unha suxestión remitida a todos eles -a Coruña, Santiago de Compostela, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo- para que valorasen "a conveniencia, de ser o caso, de aprobar formalmente un protocolo de actuación ou que deseñen un plan material de intervención municipal de abordaxe das problemáticas que afectan ás persoas con este síndrome, no que se podería incluír a prevención e detección precoz destes casos, determinar a área municipal á que se encomenda o impulso inicial e as entidades, ou outras administracións públicas que puideran estar implicadas e as medidas a adoptar no que atinxe á salubridade pública da contorna", aconsellaba no seu informe. 

A Mezquita deseñará un plan de abordaxe de casos de "síndrome de Dióxenes", para evitar...