A Mezquita acende o Nadal cunha completa programación e un concurso de decoración con premios en vales para o comercio local
O Concello da Mezquita xa ten lista a súa Programación de Nadal 2025, unha axenda chea de actividades culturais, festivais, obradoiros, sorteos e propostas para todas as idades. O obxectivo é ofrecer unha oferta ampla que dinamice o municipio durante as festas, implicando ás familias, ao comercio local e á veciñanza das aldeas. Ademais, este ano súmase un novo Concurso de Decoración de Nadal, pensado para animar rúas, fachadas e recunchos ao aire libre.
A programación arranca o 17 de decembro co evento “Caerán os 1.000?”, un dos días máis esperados no Concello, con este particular sorteo no que a caca da vaca dictamina os premios a repartir. O 19 de decembro celebrarase o gran Sorteo de Nadal (5.000 €) en vales de comercio local e camión, ademais do Festival de Nadal con actuacións teatrais e musicais e a visita do Apalpador e Papá Noel. O día 20 terá lugar un Partido de Nadal entre nenas e nenos da Mezquita e A Gudiña.
A partir do 22 de decembro, a iniciativa Concilia Nadal ofrecerá diferentes obradoiros: decoración navideña (día 22), calcetíns de Nadal (día 23), repostaría e postais (día 29) e manualidades (día 30). O 23 de decembro, Papá Noel e o Apalpador percorrerán as aldeas da Mezquita, e o 26 de decembro organizarase a saída a Ourense para desfrutar de Pazolandia e do cine, cun servizo alternativo de Concilia Nadal para quen non poida asistir. A programación péchase o 5 de xaneiro coa tradicional Cabalgata de Reis, que chegará á praza do Concello ás 19:00 horas.
Concurso de Decoración de Nadal
Este ano, o Concello da Mezquita organiza un concurso que busca encher o municipio de luz e creatividade. A participación poderá ser en modalidade individual ou en grupo (dúas ou máis persoas), e a decoración deberá ser apta para exteriores xa que será un donativo para o Concello.
Premios
Modalidade individual:
-
1º premio: vale de 150 €
-
2º premio: vale de 100 €
-
3º premio: vale de 50 €
Modalidade grupal:
-
1º premio: vale de 200 €
-
2º premio: vale de 150 €
-
3º premio: vale de 100 €
A data límite para participar é o 19 de decembro.
Con esta programación, A Mezquita aposta por un Nadal participativo, dinámico e pensado para desfrutar en familia, ao tempo que impulsa o comercio local e o espírito festivo en todas as aldeas do concello.