Loito na raia pola morte de dous bombeiros ao envorcar a súa autobomba en Vinhais, preto da Mezquita
O veciño municipio da Mezquita, Vinhais, vén de decretar tres días de loito oficial logo do pasamento de dous bombeiros das súas unidades de extinción de incendios nun accidente que tivo lugar na tarde de onte, ás 17:45 hora local.
O sinistro deixou tamén como resultado tres feridos, un deles grave. Tivo lugar cando a autobomba se dirixía dende Vinhais a un lume que se orixinara en Travanca.
Pouco antes de chegar, na localidade de Lagarelhos (Vinhais), a 15 kilómetros da fronteira con España por Manzalvos (A Mezquita), o condutor perdeu o control do vehículo envorcando por unha ladeira.
No acto perderon a vida un mozo de 22 anos e unha muller de 37, que deixa un fillo menor. O ferido grave é outra muller, de 44 anos. Os feridos leves teñen 56 e 32 anos, respectivamente.