O subdelegado e o alcalde repasaron os fondos concedidos polo Goberno central ao municipio

A IMAXE DE... | Eladio Santos achegando a administración electrónica á veciñanza da Mezquita

Eladio Santos aproveitou a visita ao Concello da Mezquita para tratar co seu rexedor, Rafael Pérez, temas de interese para o municipio.

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, visitou o Concello da Mezquita para participar na sesión informativa do programa "A Administración Preto de Ti", iniciativa que achega aos concellos de menos de 8.000 habitantes as vantaxes da administración electrónica.

Durante a sesión, Eladio Santos destacaba que "o obxectivo do Goberno é chegar a onde non se chega habitualmente, estar no territorio, permitir que o mundo rural estea conectado coa Administración Xeral do Estado. Porque o rural é importante. Aínda que sexa pouca xente a que vive no rural, o Goberno ten o compromiso de chegar a todos eles".

O programa "A Administración Preto de Ti" son xuntanzas presenciais coa veciñanza nas que se ofrece información sinxela e práctica sobre o certificado dixital e a chave permanente. Nelas , tramítaselle aos asistentes o Certificado Dixital da FNMT e ensínaselles a instalalo nos dispositivos móbiles para o seu uso nas relacións dixitais coa Administraciónos, ademais de explicar os trámites que se poden realizar con cada un deles.
.

Investimentos do Goberno central no municipio

O subdelegado aproveitou a visita ao Concello da Mezquita para tratar co seu rexedor, Rafael Pérez, as diferentes achegas realizadas polo Goberno central para levar a cabo temas de interese para o municipio. Entre os asuntos abordados falouse dos máis de 141.000 euros para o servizo de axuda no fogar, xunto a outros 16.800 euros para servizos sociais comunitarios municipais, dos 1.700 euros para actividades encamiñadas á loita contra a violencia de xénero, dos 14.250 euros para programas de promoción da igualdade, así como dos 67.000 euros para apoio ao centro de información á muller, que engloba os municipios da Gudiña, Riós e A Mezquita. 


Por último tamén trataron o estado das inversións vencelladas coa conservación, recuperación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural, para as que o municipio recibiu case 30.000 euros, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desarrollo Rural (Feader), o Ministerio de Agricultura e a Xunta de Galicia.