O seu último adeus será este domingo ás 17:00 horas na súa vila natal

Falece o exalcalde de Allariz e secretario municipal da Mezquita Francisco García Suárez aos 69 anos

Rafael Pérez, á esquerda, alcalde da Mezquita, co seu secretario, o finado Francisco García. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

Francisco García Suárez, alcalde de Allariz entre os anos 2000 e 2018, faleceu este sábado aos 69 anos de idade. Nado na vila alaricana en 1957 e mestre de profesión, foi no Bloque Nacionalista Galego (BNG) onde desenvolveu unha intensa traxectoria política marcada polo municipalismo e a proximidade coa veciñanza.

A súa carreira institucional estivo sempre vencellada a Allariz, concello ao que dedicou 28 anos de servizo público, primeiro como concelleiro e posteriormente como alcalde. Durante ese tempo conseguiu revalidar a confianza dos veciños en catro eleccións municipais consecutivas, sempre con maioría absoluta. Accedeu á alcaldía tras substituír a Anxo Quintana e deixou o cargo en xullo de 2018, un ano antes de rematar o seu último mandato, cedendo o bastón de mando á súa tenente de alcalde, Cristina Cid. Na súa despedida, anunciou emocionado que se trataba dunha decisión persoal e da convicción de que era o momento de favorecer un relevo xeracional.

Baixo o seu mandato, Allariz converteuse nun referente do municipalismo nacionalista en Galicia. García Suárez sempre defendeu unha política centrada no ámbito local e asegurou en numerosas ocasións que non tiña aspiracións máis alá do seu concello natal. A única excepción foi o seu labor como vicepresidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), cargo que desempeñou entre os anos 2003 e 2015.

Tras deixar a alcaldía, continuou vinculado á administración local e desde 2018 exercía como secretario municipal do Concello da Mezquita, función que desempeñaba no momento do seu falecemento.

A súa morte provoca unha fonda conmoción en Allariz e no conxunto do municipalismo galego, onde era recoñecido pola súa dedicación, compromiso e defensa dunha política próxima á cidadanía.

O alcalde da Mezquita, Rafael Pérez, louvaba esta mañá a súa figura e persoa: "Perdo a un gran amigo, un grande profesional e a un convencido nacionalista, que sempre loitou polas súas ideas de xeito exemplar pero sen perder nunca esa templaza e serenidade que o caracterizaba. Sempre terá un oco entre nós neste concello polo que tanto traballou".

Os seus restos xa están sendo velados no tanatorio de Allariz. Os actos de despedida serán este domingo ás 17:00 horas na Praza do Concello de Allariz