luns 12/04/21
Ata fai unha semana só contaban co aforo das terrazas

O concello da Mezquita reabre o interior da hostalaría despois de case un mes

Bar Ton, en Chaguazoso. | Foto: M. Ceballos.
Bar Ton, en Chaguazoso. | Foto: M. Ceballos.

O pasado 7 de marzo, os bares do concello da Mezquita pechaban as súas portas. A semana pasada, permitíaselle ter un aforo do 50% en terrazas, e hoxe, por fin, poden abrir tamén o seu interior. 

Manolo Martínez, propietario do bar Ton de Chaguazoso, comentaba que nestes momentos contan cun aforo do 75% en terrazas e do 50% no interior. De cara ás prediccións sobre o que pasará coa Semana Santa o hosteleiro alega que "creo que imos seguir estables, porque aquí estamos moi despoboados, hai pouca xente, se non vén ninguén de fóra, eu penso que nos mantemos".

Manolo Martínez, propietario do bar Ton. | Foto: M. CeballosManolo Martínez, propietario do bar Ton. | Foto: M. Ceballos

O alcalde da Mezquita, Rafael Pérez Vázquez, fala da gran impotencia que senten todos os veciños do municipio, xa que é incompresible que se apliquen os mesmos criterios neste ca nunha cidade súper poboada. "Aquí coñecemos todos e sabermos a repercursión que ten isto na economía de cada un", comentaba o edil. 

Pérez Vázquez recalcou as dificultades que están pasando os hostaleiros, que é un dos sectores máis castigados, xa non só por ter que pechar, se non pola dificultade que supón non poder atender ós clientes de toda a vida. A maiores disto, tamén hai problemas de comunicación coa Administración, xa que non é demasiado fluída, e os comunicados envíados por esta, ó basearse en porcentaxes, non resultan entendibles para xente de a pé.

"Os veciños a quen recorren é a nós, pensan que é o concello o que non fai xestións, e son cousas que non dependen deste; pero ó mesmo tempo somos nós quen nos comemos o marrón. No día a día somos quen ten que tratar coa xente que está demandando que se abra, tentando darlle explicacións que non sabemos dar, porque non temos claros exactamente cales son os criterios da Administración", recalcou o alcalde. 

Agárdase que a estabilidade se manteña, xa que o único caso activo de coronavirus que hai no concello é antigo, dunha persoa que non se dá negativizado. Polo que aínda que alguén máis poida ser positivo espérase seguir neses parámetros ou en cero. 

O concello da Mezquita reabre o interior da hostalaría despois de case un mes
comentarios