sábado. 20.04.2024
A clavecinista Alicia G. Ceballos, hoxe diante da casa consistorial de Verín. | FOTO: M. D.
A clavecinista Alicia G. Ceballos, hoxe diante da casa consistorial de Verín. | FOTO: M. D.

Aínda non ten 18 anos pero, Alicia Gómez Ceballos, natural de Manzalvos (A Mezquita), ten moitas historias que contar... Sobre todo entre 'negras' e 'corcheas', máis que con palabras. Leva máis de media vida adicada á música e, polo momento, non contempla tomar outro rumbo. Xa está a facer as maletas para, en setembro, comezar unha nova andaina: os estudos de Grao Superior en Interpretación na especialidade de Clave no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid.

 

Para os descoñecedores... Que é o clave?

A súa relación coa melodía data dende o berce. Foi quizáis a influencia da súa nai, gaiteira, a que provocou o seu amor por esta profesión. "Foi ela quen nos introduciu, á miña irmá maior e a min, no mundo da música. Primeiro, foi para min como un pasatempo, unha actividade extraescolar máis pero agora é a miña vida", conta Alicia, emocionada.

Comezou moi nova, con 8 anos, cos seus primeiros cursos de grao elemental na especialidade de piano no Conservatorio de Verín. "Os comezos foron difíciles porque nos desprazabamos dende a Mezquita ata Verín varias veces por semana", conta a súa nai, María Ceballos. Ao remate deses catro anos, accedeu ao Conservatorio Profesional de Ourense para cursar o grao profesional. "Aquí decantouse polo Clave, un instrumento parecido ao piano pero máis descoñecido e menos común", engade María.

Alicia G. Ceballos tocando o clavicémbalo. | FOTO: CedidaAlicia G. Ceballos tocando o clavicémbalo nun dos seus concertos. | FOTO: Cedida

Segundo a mesma Alicia afirma, os primeiros anos do grao non foron sinxelos. "Había algunha materia que me costaba e fixo que baixara a puntuación, pero despois comecei a implicarme nun 200% e conseguín mellorar moito a miña media", recorda. Unha media que non se viu afectada pola aparición da Covid-19 que interrompeu a súa formación habitual ao igual que a de moitos outros estudantes.

Tal e como conta a súa nai, en Alicia reina a perseverancia. Por iso, deixou atrás as dificultades e neste último curso, preparou a conciencia o que podería considerarse a "selectividade" do Conservatorio. "Nun primeiro momento fixen as probas para Sevilla e Madrid. Agora, a falta de formalizar a matrícula, xa podo dicir que son alumna do Real Conservatorio Superior de Música de Madrid", enorgullécese.

Alicia G. Ceballos, ás portas do Real Conservatorio de Música de Madrid, onde recentemente foi admitida. | FOTO: CedidaAlicia G. Ceballos, ás portas do Real Conservatorio de Música de Madrid, onde recentemente foi admitida. | FOTO: Cedida

E, por se isto fora pouco, non abandonará ao cen por cen a súa cidade actual, Ourense, xa que combinará estes estudos coa formación en grao profesional na especialidade de viola da gamba no Conservatorio da cidade das Burgas.

Recoñecemento á excelencia

Os seus éxitos académicos xa lle deron algunha que outra alegría. Non soamente na música, senón tamén noutras especialidades que a levaron, por exemplo, a viaxar a lugares como Brasil ou Nova Iorque. Non obstante, o seu último gran recoñecemento baila ao son das notas musicais. Foi recentemente galardoada co Premio de Fin de Grao polo Departamento de Música Antiga do Conservatorio de Ourense na súa especialidade, algo así como unha matrícula de honra. Un motivo de xúbilo xa que é a primeira vez en 25 anos que un alumno consegue este galardón.

Pertinaz e inconformista, Alicia xa decidiu que facer ao remate dos vindeiros catro anos. "Cando remate os estudos superiores, quero facer un máster que me abra aínda máis as portas no mundo da música", afirma. Unhas portas, e ventás, máis que abertas xa para esta clavecinista que reivindica unha nova visión popular da súa profesión. "Xa me dixeron moitas veces se 'só' vou estudar música. O que non saben é que é unha carreira longa, á que hai que adicar moitos anos, igual que todo o relacionado co artístico. Non só vale prepararse antes dun exame, é unha preparación continua e que require moito esforzo e, polo tanto, unha carreira tan válida coma calquera outra. Hai que cambiar xa esa opinión de que non se pode vivir da arte", remata.

Alicia G. Ceballos, clavecinista e premio Fin de Grao do Conservatorio de Ourense: "Na...