O alcalde da Mezquita pide unha reunión co xerente da área sanitaria para buscar solucións e ter unha sanidade digna
A veciñanza da Mezquita non se rinde e continúa concentrándose todos os luns, mércores e venres diante do centro de saúde do municipio para pedir unha sanidade digna. A falta de profesionais da mediciña e da enfermería leva causados numerosos trastornos a unha poboación que ve como non reciben a atención sanitaria que precisan. Este mediodía volven manifestar as súas protestas, unidos como comunidade e cunha participación e asistencia constante.
Seguen en loita e, como rezan as pancartas, non van calar. Precisamente o seu alcalde, Rafael Pérez, daba hoxe un paso máis ao solicitar unha entrevista co xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, José Santiago Camba Bouzas, na que expor a situación e exixir que a administración responsable da sanidade tome medidas urxentes para solucionar a falta de profesionais sanitarios.
Loita por una sanidade pública digna
No ano 2024 A Mezquita tiña unha poboación de 1014 habitantes cunha idade media de case 58 anos, 10 puntos por riba da media de Galicia. Unha poboación cunha avanzada media de idade que non ten a atención sanitaria que precisa. A situación chegou a tal punto que o pasado 24 de febreiro iniciaban as protestas, unidos todos os veciños e todas as veciñas para protestar polo que consideran "unha mala xestión do SERGAS".
Sinten que a administración sanitaria trata á poboación da Mezquita coma se fonsen "cidadáns de segunda", o que consideran unha fonda "falta de respecto" cara á veciñanza que deixaba ben claro na lectura do manifesto "que os veciños e as veciñas da Mezquita somos e temos a mesma categoría que o resto de habitantes da comunidade galega".