luns 01/03/21
O veciño doente da Covid - 19 está ingresado no hospital comarcal verinense

O alcalde da Mezquita solicita un cribado urxente en Manzalvos, logo de detectarse un positivo asiduo ao bar da localidade

Preocupación en Manzalvos, no Concello da Mezquita, logo de coñecerse o positivo dun veciño asiduo do bar da localidade que arestora xa tivo que ser ingresado no hospital comarcal de Verín. O rexedor nacionalista, Rafael Pérez Vázquez, teme que dese recinto xurdira un importante gromo e vén de solicitarlle ao Sergas un cribado urxente en toda a aldea. 

O bar da localidade era frecuentado polo positivo que arestora está hospitalizado en Verín.
O bar da localidade era frecuentado polo positivo que arestora está hospitalizado en Verín.

O rexedor do Concello da Mezquita, Rafael Pérez Vázquez, vén de solicitarlle ao Sergas a realización urxente dun cribado á maioría da poboación da localidade de Manzalvos, onde pode terse rexistrado un gromo logo de coñecerse o positivo dun veciño que era asiduo do bar da localidade. 

As alarmas disparáronse incluso co falecemento doutros dos residentes, na tarde de onte, veciño tamén da localidade e que nas últimas xornadas estivera en contacto co home positivo na Covid - 19 que arestora está ingresado no hospital de Verín

Debemos extremar as medidas sanitarias e deixarnos de manter contactos que non sexan imprescindibles. As partidas de cartas poden esperar a que a pandemia remita ou todos estemos vacinados (Rafael Pérez Vázquez, alcalde da Mezquita)

Pérez Vázquez facilitou ao xerente do Sergas, Félix Rubial, un listado con máis de trinta persoas, clientes habituais do bar da localidade do que era asiduo o veciño hospitalizado por Covid - 19 no comarcal verinense. Pérez fai un chamamento á prudencia e pídelle a todos os habitantes de Manzalvos que non saian da súa vivenda nin manteñan contactos entre si ata que "non se coñeza o avance do gromo xurdido. Non podemos confiarnos de que, por vivir nunha aldea, nunca vai chegar o virus. Debemos extremar as medidas sanitarias e deixar de manter contactos que non sexan imprescindibles. As partidas de cartas poden esperar a que a pandemia remita ou todos estemos vacinados", conclúe o rexedor nacionalista. 

Un dos gromos importantes xurdidos no Concello de Oímbra, que conta este domingo con 52 casos activos, tivo como lugar de multiplicación dos positivos, precisamente, un dos bares da localidade, onde os seus clientes se relaxaban en exceso á hora de manter as distancias de seguridade ou usar máscaras cando mantiñan as tradicionais partidas de cartas. 

O alcalde da Mezquita solicita un cribado urxente en Manzalvos, logo de detectarse un...
comentarios