Venres. 29.03.2024
O alcalde da Mezquita, Rafael Pérez.
O alcalde da Mezquita, Rafael Pérez.

O Concello da Mezquita traballa pensando no 2023 e, nesta semana, aprobou os orzamentos por valor de 1.470.038,83 euros cos votos a favor do equipo de Goberno do BNG e a abstención do PP, por parte do PSOE, o seu concelleiro ausentouse por causas xustificadas. Esta cifra supón un incremento duns 150.000 euros con respecto aos deste 2022, sen esquecer que se "segue facendo un gran esforzo para amortizar a débeda" contraída durante os mandatos dos populares.

Sobre o reparto dos gastos previstos neste orzamento, a maior parte empregarase para o pago de persoal, que aumenta un 2,5%. O Concello destinará 557.000,39 euros para o pagamento de traballadores. O gasto en bens correntes e servizos, como é a luz, a limpeza dos espazos públicos ou o mantemento, tamén aumenta ata os 454.964 euros, case un 31% do total.

En canto ao investimento, a cifra contemplada nos orzamentos tamén aumenta ata os 319.000 euros e supón case un 22%. Estes cartos empregaranse para mellorar infraestructuras e servizos que se prestan á veciñanza, mantendo unha política de priorizar as obras máis necesarias e non naqueles investimentos "faraónicos" que só aumenten a débeda municipal. Dende o Concello destacan a "aposta polas inversións e a mellora dos servizos para os veciños ao destinar 20 de cada 100 euros do orzamento a inversións", unha cifra que supera á de moitos municipios de características similares ao da Mezquita.

No tocante aos ingresos, o Concello percibirá a maioría deles por parte doutras administracións públicas. Un 70% procederán de transferencias correntes -759.700 euros- e de capital -287.425 euros-, cifras que se incrementan no 2023. Os impostos directos deixarán 185.000 euros nas arcas do Concello da Mezquita.

A Mezquita aproba o orzamento de 2023, do que se destinará case un 22% a inversións