Adicará o un por cento do seu orzamento do 2021 a esta liña de axudas

O Concello da Gudiña entregará 300 euros a todos os seus autónomos e pequenos empresarios afectados pola pandemia

O alcalde da Gudiña, o popular José María Lago Cabo. | FOTO: Iván Iglesias.

O rexedor da Gudiña, o popular José María Lago, asegura que o procedemento para obter 300 euros de axuda directa para paliar os efectos económicos da pandemia, será "sinxelo e áxil". 

O alcalde da Gudiña, o popular José María Lago, vén de confirmar una liña de axudas directas e sen moito máis trámite que a solicitude e a xustificación da caída nas vendas ou ingresos dos seus autónomos ou pequenos empresarios

O Concello adicará uns 15.000 euros -o un por cento do orzamento do municipio para o 2021- a esta bolsa de apoio económico inmediato a aquelas pequenas empresas e autónomos con domicilio fiscal no municipio que poidan acreditar unha caída de ingresos no seu nivel de facturación: "Quixeramos aportar moito máis, porque somos conscientes das necesidades, fundamentalmente do sector servizos, pero a nosa capacidade chega ata onde chega. É un pequeno gran de area máis que se poderá sumar ás axudas doutras administracións, coma as xa aprobadas polo Goberno autonómico de Núñez Feijóo", apuntou Lago Cabo. 

Nun dos bares da Gudiña quedaba moi claro cal era o aforo máximo permitido este 26 de febreiro. | FOTO: Iván Iglesias. 

Nuns días coñecerase o procedemento para formular a solicitude, "que tentaremos simplificar ao máximo para que a tramitación administrativa sexa o máis áxil posible", sinalou o rexedor da Gudiña, José María Lago

No camiño doutros concellos

A Gudiña súmase así aos municipios, como os de Verín, Riós ou Oímbra, que xa habilitaron axudas directas para un determinado sector, como neste caso é o da hostalería. O último en anunciar un paquete de subvención a fondo perdido foi o de Riós, presidido polo tamén popular Francisco Armando Veiga Romero, que adicará un importe fixo de 600 euros.

A alcaldesa de Oímbra, Ana María Villarino, apoiou tamén aos seus hostaleiros cunha axuda directa equivalente ao recibo de autónomos dun mes e a tasa do lixo de todo o ano