sábado. 20.04.2024
210607 pte_Agudinarios 02av
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo con José M. Lago (dereita), alcalde da Gudiña, e Francisco Veiga, rexedor de Riós (esquerda).

O alcalde da Gudiña, José María Lago, reuniuse no día de onte co presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, para abordar os principais proxectos previstos para o municipio. Entre eles, o acondicionamento do inmoble coñecido como 'Casa da Viúva', no marco do Plan de Albergues 2019-2020. Con esta obra da Xunta, encargada da remodelación, habilitarase unha nova instalación de 44 prazas. Está previsto que os traballos de mellora finalicen o vindeiro mes de xullo, polo que podería ser estreada neste Ano Xacobeo 21-22.

Outro dos asuntos tratados foi o proxecto de abastecemento e saneamento das augas do concello que xa está en redación, así como a análise de solicitudes que realizou o municipio ao abeiro das axudas da Xunta para pequenas actuacións. Tamén houbo quenda para a eficiencia enerxética coa posibilidade de establecer unha aldea xeradora na Gudiña, que sexa capaz de producir suficiente enerxía para o autoabastecemento. Por último, trataron as melloras necesarias na estrada OU-533.

Neste encontro tamén participou o rexedor do concello de Riós, Francisco Veiga, para abordar a posibilidade de traballar nun proxecto entre concellos limítrofes (do norte de Portugal) para optar a fondos europeos. "Pedinlle apoio ao presidente para solicitar os fondos europeos que están destinados a zonas desfavorecidas e creo que nós somos unha delas. Pero, para iso, necesitamos axuda dunha institución -Xunta ou Consellería que corresponda- porque nós non temos nin fondos nin medios", declarou o alcalde.

"A Núñez Feijóo pareceulle boa idea pero agora temos que falar de novo co presidente da cámara municipal de Vinhais, Martinho Magno, e farémolo nunha reunión o próximo día 16. Temos que facer unha proposta en firme, cun proxecto común e nunha disciplina concreta", engade. Tamén resaltou a importancia de levar a cabo estas accións no menor tempo posible porque "hai que solicitar os fondos no 2022", conclúe o rexedor do Riós, Francisco Armando Veiga Romero

NOTICIAS VERÍN | O novo albergue de peregrinos da Gudiña entrará en funcionamento...