A IMAXE DE... | A implicación da veciñanza na Gudiña na defensa do servizo de ferrocarril
A loita polos recortes ferroviarios continúa unindo as localidades afectadas, e onte a mobilización tivo o seu epicentro na Gudiña. O Edificio Multiusos da localidade acollía unha multitudinaria reunión informativa da Plataforma Dereito ao Tren, que contou cun cheo total e unha veciñanza moi implicada.
Durante o encontro, que se celebrou nun ambiente de participación activa, debatéronse as accións previstas e as últimas novidades en relación co futuro do tren na comarca. Un dos puntos centrais foi a necesidade de garantir servizos ferroviarios "dignos e accesibles" para todas as persoas. A mensaxe central que resonou con forza foi clara e contundente: "O tren tamén é noso! O tren é un dereito, non un luxo".
A Plataforma Polo Dereito ao Tren agradeceu a asistencia e as propostas compartidas pola veciñanza, reafirmando o seu compromiso de continuar "mobilizadas". A alta participación na Gudiña subliña a relevancia desta reivindicación cidadá e a firmeza do colectivo na defensa dun servizo público esencial para o desenvolvemento e a conectividade do rural.