A Gudiña e A Mezquita, pendentes da reunión do comité clínico desta tarde
Poucas variacións nos niveis de risco se agardan logo da reunión do comité clínico desta tarde nos concellos do distrito sanitario, agás na Mezquita e na Gudiña, onde si haberá cambios no seu nivel de restricións.
O comité clínico que reúne a 35 expertos e que asesora á Xunta de Galicia para tomar decisións na pandemia reúnese este martes coa idea de avaliar os datos epidemiolóxicos e estudar a aplicación da desescalada nos concellos galegos após a primeira fin de semana con reapertura xeneralizada da hostalaría para consumo e de levantamento das restricións máis duras da mobilidade.
Especialmente pendentes desta avaliación están os concellos da Gudiña e da Mezquita, e por números ben diferentes. O primeiro deles mantíñase o venres 26 de febreiro no nivel máximo de restricións cando os seus casos activos estaban á baixa e o segundo, pola contra, entraba no nivel alto -o intermedio dos tres fixados pola Xunta de Galicia- cando o seu número de novos positivos estaba incrementándose.
Mañá mércores está previsto que o Sergas leve a cabo un cribado masivo nestas dúas localidades para comprobar o nivel de incidencia da pandemia e a detección de posibles asintomáticos transmisores.
A reunión do comité clínico está previsto que se celebre a partir das 18:00 horas deste martes e nela estará encima da mesa a actualización da listaxe de concellos de toda a comunidade autónoma e en especial os do distrito sanitario verinense vinculados aos tres niveles de restricións que están decretados actualmente: máis de 500 casos, nivel máximo (hostalaría pechada só para levar/recoller e prohibidas mobilidade e reunións), nivel dous ou alto (-entre 250 e 500 casos por 100.000 habitantes-, reunións de até catro non conviventes, terrazas abertas ao 50 por cento de ocupación) e nivel tres ou intermedio (-por debaixo de 250-, reunións de até catro non conviventes, terrazas abertas ao 50 por cento de ocupación e interiores con 30 por cento de aforamento).