Xoves. 28.03.2024
Hostalería pechada na Gudiña. | FOTO: Iván Iglesias.
A hostalería permanece pechada na Gudiña. | FOTO: Iván Iglesias.

O comité clínico que reúne a 35 expertos e que asesora á Xunta de Galicia para tomar decisións na pandemia reúnese este martes coa idea de avaliar os datos epidemiolóxicos e estudar a aplicación da desescalada nos concellos galegos após a primeira fin de semana con reapertura xeneralizada da hostalaría para consumo e de levantamento das restricións máis duras da mobilidade.

Especialmente pendentes desta avaliación están os concellos da Gudiña e da Mezquita, e por números ben diferentes. O primeiro deles mantíñase o venres 26 de febreiro no nivel máximo de restricións cando os seus casos activos estaban á baixa e o segundo, pola contra, entraba no nivel alto -o intermedio dos tres fixados pola Xunta de Galicia- cando o seu número de novos positivos estaba incrementándose. 

Mañá mércores está previsto que o Sergas leve a cabo un cribado masivo nestas dúas localidades para comprobar o nivel de incidencia da pandemia e a detección de posibles asintomáticos transmisores. 

A reunión do comité clínico está previsto que se celebre a partir das 18:00 horas deste martes e nela estará encima da mesa a actualización da listaxe de concellos de toda a comunidade autónoma e en especial os do distrito sanitario verinense vinculados aos tres niveles de restricións que están decretados actualmente: máis de 500 casos, nivel máximo (hostalaría pechada só para levar/recoller e prohibidas mobilidade e reunións), nivel dous ou alto (-entre 250 e 500 casos por 100.000 habitantes-, reunións de até catro non conviventes, terrazas abertas ao 50 por cento de ocupación) e nivel tres ou intermedio (-por debaixo de 250-, reunións de até catro non conviventes, terrazas abertas ao 50 por cento de ocupación e interiores con 30 por cento de aforamento).

A Gudiña e A Mezquita, pendentes da reunión do comité clínico desta tarde