O Concello licitará en 160.000 euros o proxecto de remodelación logo de tres anos de espera
Logo de superar os atrancos que puxeron os técnicos de Patrimonio ao documento presentado polos responsables municipais, unha das principais vías da vila verá substituído o seu actual firme por un de pedra e adoquín
A Corporación municipal de A Gudiña, por unanimidade de todos os seus membros, vén de desbloquear, de xeito definitivo, o proxecto de reforma dunha das súas principales vías, a rúa Maior. Tres anos despois de que se redactase o documento da súa mellora, todos os edís do municipio aprobaron a licitación das obras cun orzamento non superior aos 160.000 euros, cantidade que será financiada logo da sinatura dun convenio no que, ademáis do Concello local, participan a Deputación de Ourense e as Consellerías de Cultura e de Infraestruturas da Xunta de Galicia.
NOVO FIRME DE PEDRA E ADOQUÍN
Nesta primeira fase de remodelación, mudaranse por completo as características construtivas e o aspecto desta rúa, abandoando o seu actual e deteriorado pavimento de lousa por outro de pedra e adoquín, moito máis resistente que o que loce arestora. Unha vez completada a reforma, será a quenda do resto de entronques e ramais da comunicación principal.
"Manter a pizarra no firme levaríanos de novo a que en pouco tempo presentase un estado de deterioro similar ao actual", di o rexedor José María Lago Cabo
O rexedor municipal, José María Lago, amosaba a súa satisfacción tras a aprobación do punto da orde do día que permitirá licitar os traballos: "Os veciños desa rúa levaban xa anos soportando as fochancas do firme, e clamaban por un arranxo inmediato dos mesmos. Pero nós -en referencia ao Concello- estabamos en mans dos técnicos de Patrimonio, que insistían na opción da pizarra e da peatonalización da rúa como opcións para dar o viste e prace ao noso proxecto, algo fóra do sentido común", apunta o alcalde Lago Cabo.
"Manter a pizarra no firme levaríanos de novo a que en pouco tempo presentase un estado similar ao actual, pois nesa rúa están establecidos moitos negocios que precisan transitar por ela e mesmo a maioría dos seus residentes teñen aínda como combustible para a súa calefacción a leña, o que os obriga a circular pola mesma con camións e tractores", sinala José María Lago.