miércoles. 24.04.2024
O actual e deteriorado pavimento desta rúa será substituído por pedra e adoquín.
O actual e deteriorado pavimento desta rúa será substituído por pedra e adoquín.

A Corporación municipal de A Gudiña, por unanimidade de todos os seus membros, vén de desbloquear, de xeito definitivo, o proxecto de reforma dunha das súas principales vías, a rúa Maior. Tres anos despois de que se redactase o documento da súa mellora, todos os edís do municipio aprobaron a licitación das obras cun orzamento non superior aos 160.000 euros, cantidade que será financiada logo da sinatura dun convenio no que, ademáis do Concello local, participan a Deputación de Ourense e as Consellerías de Cultura e de Infraestruturas da Xunta de Galicia.

 

NOVO FIRME DE PEDRA E ADOQUÍN

Nesta primeira fase de remodelación, mudaranse por completo as características construtivas e o aspecto desta rúa, abandoando o seu actual e deteriorado pavimento de lousa por outro de pedra e adoquín, moito máis resistente que o que loce arestora. Unha vez completada a reforma, será a quenda do resto de entronques e ramais da comunicación principal.

"Manter a pizarra no firme levaríanos de novo a que en pouco tempo presentase un estado de deterioro similar ao actual", di o rexedor José María Lago Cabo

O rexedor municipal, José María Lago, amosaba a súa satisfacción tras a aprobación do punto da orde do día que permitirá licitar os traballos: "Os veciños desa rúa levaban xa anos soportando as fochancas do firme, e clamaban por un arranxo inmediato dos mesmos. Pero nós -en referencia ao Concello- estabamos en mans dos técnicos de Patrimonio, que insistían na opción da pizarra e da peatonalización da rúa como opcións para dar o viste e prace ao noso proxecto, algo fóra do sentido común", apunta o alcalde Lago Cabo.

"Manter a pizarra no firme levaríanos de novo a que en pouco tempo presentase un estado similar ao actual, pois nesa rúa están establecidos moitos negocios que precisan transitar por ela e mesmo a maioría dos seus residentes teñen aínda como combustible para a súa calefacción a leña, o que os obriga a circular pola mesma con camións e tractores", sinala José María Lago.

O Concello licitará en 160.000 euros o proxecto de remodelación logo de tres anos de...