A conselleira María José Gómez escoitou as súas inquedanzas no local social da vila

Os apicultores da Gudiña urxen a Medio Rural plantacións de rápida xerminación nos montes queimados

A conselleira de Medio Rural, María José Gómez, escoitando aos produtores presentes. | FOTO: Noelia Caseiro.

Uns trinta agricultores, gandeiros e apicultores do Concello da Gudiña recibiron esta tarde, pasadas as 18:30 horas, á titular da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia, María José Gómez; ao delegado en Ourense, Manuel Pardo Cid, e ao xefe territorial na provincia, José Antonio Armada

A representación do goberno autonómico estivo respaldada por varios parlamentarios, como Miguel Ángel Viso, Cristina Campero Dorado e Víctor Baladrón

O anfitrión de todos foi o rexedor da Gudiña, Néstor Ogando, quen tamén partillou mesa co seu antecesor no cargo, o agora deputado provincial José María Lago.

En fronte a eles, apicultores, gandeiros e agricultores moi preocupados polo futuro das súas explotacións, moitas delas devastadas amplamente pola vaga de lumes do mes de agosto. 

Entre as principais cuestións que lle plantexaron á titular do Departamento -quen en todo momento escoitou ao colectivo co único propósito de buscar axudas en común-, estaban as condicións das subvencións aprobadas dende a consellería. Algúns dos presentes laiáronse abertamente de ter que adiantar uns cartos para facerlle fronte ás facturas que posteriormente serán compensadas por Medio Rural: "Xa sei que as nosas subvencións son bastante máis complicadas que as doutras consellerías, como a de Vivenda. No meu departamento temos que comprobar, teñen que desprazase os inspectores para validar as axudas, e iso ten que ser así", explicou María José Gómez. 

 

Urxente floración

Outra das peticións que lle trasladaron á titular da Consellería foi a necesidade de dar unha urxente resposta á floración que precisan as abellas para que as explotacións que se salvaron das lapas non corran a mesma sorte daquelas que non o fixeron: "Urxe rexenerar o monte, pero non dentro de medio ano, senón dentro dun mes", afirmaron os apicultores presentes, quen lles trasladaron a María José Gómez solucións válidas para aqueles territorios devastados: plantas de xerminación rápida como a colza, o trigo sarraceno ou mesmo a lavanda permitirían unha floración a curto prazo que dese seguimento ás necesidades das abellas, que durante seis meses terán o alimento subvencionado por Medio Rural. 

María José Gómez solicitou expresamente aos apicultores presentes que lle fixesen chegar, á maior brevidade posible, un proxecto elaborado pola asociación na que se detallen aqueles territorios que entenden os produtores serían os idóneos para esa plantación urxente que acometería Medio Rural. 

Algúns dos apicultores presentes na xuntanza celebrada na Gudiña, este mércores. | FOTO: Noelia Caseiro.

Na reunión baralláronse opcións como o traslado das colmeas superviventes a outros territorios non danados pola vaga dos lumes, solución que a algún dos apicultores presentes non convencía: "As abellas teñen un nivel de estrés tan brutal que as que non se viron afectadas polo lume, non chegan nin a asomarse. Creo que trasladalas lonxe suporía un grao máis nese estrés", argumentaban. 

Exencións nas prohibicións de pastos e da PAC

Os asistentes tamén solicitaron á conselleira varias exencións, nas políticas de PAC, e naquelas limitacións ao pasto en predios públicos queimados. "Tentarei que na lei de acompañamento dos orzamentos da Xunta de Galicia figure unha exención global para que non se teñan que solicitar puntualmente por cada un dos interesados", sinalou María José Gómez. 

Plena colaboración sen límite de axudas e importes

María José Gómez asegurou que se vai seguir traballando para poñer a disposición dos agricultores e gandeiros "todas as ferramentas necesarias para superar esta situación". Neste sentido, explicou que desde o seu departamento se habilitaron ata oito liñas de achegas para explotacións gandeiras, agrícolas e forestais que cubrirán o 100% do investimento, cun límite en función do tipo de axuda, que nalgúns casos pode chegar aos 200.000 euros por persoa.

No caso das gandeiras, Gómez detallou que se conta con axudas para a reparación de bens, maquinaria, equipamento ou medios de produción das explotacións, cunha contía máxima de 200.000 euros por persoa. Hai tamén unha liña para a adquisición de alimento complementario para o gando en extensivo ou as colmeas superviventes nas zonas afectadas, para un período máximo de 6 meses e cunha contía máxima de 15.000 euros por persoa. Tamén se indemnizará aos gandeiros e agricultores por perdas na produción e, por último, disponse de axudas para paliar a morte de gando ou abellas, que se estimarán segundo o tipo de especie e a idade do animal.