xoves 22.08.2019
Verín

Os usuarios do Centro de Día Raiola de Verín visitaron o Museo Claustro dos Mercedarios

Na mañá de hoxe, o Museo do Claustro dos Mercedarios tivo unha visita moi especial. Os usuarios e usuarias do Centro de Día Raiola de Verín, visitaron estas instalacións municipais acompañados das profesionais xerocultoras coas que conviven no día a día e de persoal da Cruz Vermella de Verín. 

Tratouse dunha visita guiada pola responsable do museo, na que percorreron a historia da vila, os inicios e método de elaboración do licor café e doutros licores tradicionais, a relación da vila co contrabando de café e remataron lembrando a súa xuventude na magnífica recreación dunha lareira que se atopa ao final do percorrido. 

Moitos dos maiores asistentes, a pesar de ser veciños do municipio verinense, nunca antes visitaran esta instalación e sorprendéronse gratamente mesmo realizando intervencións e preguntas sobre aquilo co que se sentían identificados. 

O Centro de Día Raiola de Verín finalizou, xa que logo, unha nova saída cos seus usuarios. As responsables consideran este tipo de saídas e excursións unha necesaria actividade máis entre todas aquelas que continúan a realizar, xa sexa recuperar oficios antigos como a elaboración do xabón, do liño ou do queixo; ou sesións de musicoterapia e manualidades. Dende a xerencia de Raiola lembran que aínda quedan prazas no centro e que as familias interesadas poden visitalo en calquera momento do día para coñecer as instalacións e informarse sobre as actividades ou o proceso de inscripción. 

Os usuarios do Centro de Día Raiola de Verín visitaron o Museo Claustro dos Mercedarios