O proxecto europeo USE4FOREST reforza os medios contra incendios na base aérea Verín-Oímbra | NOTICIAS VERÍN

FOTOS: Noelia Caseiro.

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, participou este mércores na visita do comité de socios do proxecto europeo Interreg Sudoe USE4FOREST á base aérea de Verín-Oímbra, onde se presentou o novo equipamento da Xunta de Galicia destinado á defensa contra os incendios forestais.

Durante a visita déronse a coñecer dúas novas furgonetas que funcionarán como Postos de Mando Avanzado nos lumes. Segundo trasladou a Consellería do Medio Rural, trátase dos primeiros vehículos habilitados especificamente para esta función e están dotados cos últimos avances tecnolóxicos para facilitar o seguimento continuo da evolución dos incendios e da situación dos medios despregados no operativo.

A titular de Medio Rural estivo acompañada polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco, e destacou que a base aérea de Verín-Oímbra “naceu tamén froito dun proxecto europeo”, en referencia ao programa Interlumes. Gómez lembrou que a posta en marcha desta infraestrutura supuxo un investimento de 5,5 millóns de euros.

A conselleira sinalou ademais que a visita dos socios do proxecto USE4FOREST permite poñer en valor “non só a infraestrutura de Galicia para a loita contra o lume senón tamén o amplo programa de actuacións que se desenvolven desde a Consellería tanto en materia de prevención como de extinción”.

No transcurso da xornada tamén participou o profesor da Universidade de VigoJuan Picos, quen explicou a nova ferramenta de mapeado de incendios que se está a desenvolver no marco desta iniciativa. Segundo indicou Gómez, estas aportacións técnicas contribuíron á configuración do actual dispositivo galego de prevención e extinción, que definiu como “un referente a nivel estatal e tamén para países veciños como Francia e Portugal”.

A visita de estudo do comité de socios do proxecto europeo iniciouse no distrito forestal de Verín, onde os expertos realizaron unha análise técnica dos incendios rexistrados no verán de 2025 para coñecer as súas causas, alcance e os protocolos activados durante a emerxencia.

Tras a visita á base aérea, os participantes desprazaranse ata o Centro Integral de Loita contra o Lume (CILL) de Toén, onde asistirán a demostracións con brigadas e motobombas, así como exercicios de condución de vehículos en situacións de grandes incendios forestais.

O programa continuará este xoves cunha reunión de pilotaxe e de posta en común do traballo desenvolvido ata o momento, ademais da planificación das seguintes actuacións ata a finalización do proxecto.

O obxectivo principal desta iniciativa europea enmarcada no programa Interreg é mellorar a xestión do monte antes, durante e despois dos incendios forestais, baixo o lema “montes xestionados, territorios protexidos”.

No proxecto participan, ademais da Consellería do Medio Rural, entidades como a Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo, a Deputación de Ourense, a Junta de Castilla y León, a Hazi Fundazioa, a Fundación Tecnalia Research & Innovation e o Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular.

Tamén colaboran organismos de Portugal e Francia vinculados á protección civil, investigación forestal e xestión territorial.