A pequena Andrea tería no hospital de Verín un espazo pediátrico máis "dulcificado"

FOTOS: Noelia Caseiro.

A pequena Andrea tería cumprido en abril 30 anos, se non falecera no mesmo mes do 2003. Toda a súa vida estivo condicionada, dende que chegou ao mundo, por unha parálise cerebral e unha tumoración cervical de grandes dimensións que lle acabou afectando á tráquea.

Oito anos e vinte días de dura loita duns pais abnegados, que nunca pasaran por nada semellante -o de ver como un dos fillos se ve afectado por unha enfermidade desa magnitude e sen solución-; Andrea voóu alto. 

A desesperación inicial da enfermidade e a posterior perda da cativa sumiu aos pais de Andrea nunha dor indescriptible, que só comezou a verse lixeirisimamente mitigada coa posta en marcha da Fundación Andrea, que na memoria da súa filla ofrece apoio aos pais e nais de cativas e cativos pacientes das unidades pediátricas dalgúns hospitais galegos, entre os que xa se atopa o de Verín. Andrea xa ten a súa sala, e loce así de colorida, para que a estancia nela das pequenas e pequenos verinenses aqueixados dalgunha enfermidade, crónica ou non, cheguen a ter gañas de ir e estar nun hospital.

Este luns 13, a presidenta da Fundación Andrea e nai da pequena que lle dá nome, Charo Barca, acompañada polo director do hospital, Pablo Martín Lancharro, presentaba a humanización da sala de lactación do Hospital de Verín, no marco do seu proxecto “Dulcificación de espazos pediátricos hospitalarios”. A iniciativa consistiu en decorar o espazo e adaptar o mobiliario para facelo máis cómodo e acolledor, ofrecendo un entorno que favoreza a lactación materna e o benestar das nais e dos seus bebés.

A intervención forma parte dunha serie de proxectos similares levados a cabo noutros hospitais galegos, como o Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS), onde en 2019 se humanizou a sala de lactación materna, ou o Hospital do Salnés, que en 2024 tamén adaptou o mobiliario para mellorar o confort das nais lactantes.

Con esta acción, a Fundación Andrea consolida o seu compromiso de crear espazos pediátricos máis humanos e de apoio ás familias durante a lactación.