FOTOGALERÍA | A maxia dos Reis Magos toma as rúas de Verín

O público impaciente esperando aos Reis Magos. | FOTOS: Anabel G. Simón.

As rúas de Verín convertéronse na tarde do cinco de xaneiro nun escenario cheo de luz, música e ilusión coa celebración da tradicional Cabalgata dos Reis Magos, un dos eventos máis agardados do Nadal.

Melchor, Gaspar e Baltasar percorreron a vila partindo dende o barrio de San Lázaro saudando á veciñanza desde as súas carrozas e repartindo ilusión e caramelos entre os nenos e nenas da vila, que viviron a xornada con nervios, sorrisos e moita emoción. Ao longo de todo o percorrido, familias enteiras achegáronse para gozar dun desfile cheo de música, cor, fantasía e ambiente festivo.

A cabalgata rematou no Pavillón Municipal, onde as SS. MM. Os Reis Magos repartiron agasallos a toda a cativada que se achegaba ao seus tronos e lanzaron unha mensaxe de agradecemento a todas as persoas que axudaron a apagar a vaga de lumes deste verán.