FOTOGALERÍA | "Musilandia": o mellor xeito de dar a coñecer un Conservatorio

FOTOS: Iván Iglesias.
Fran Guede foi o mestre de cerimonias en "Musilandia".
Alumnos do CEIP Augusto Assía da Mezquita.
E, pola tarde, a coach de artistas Mercedes Barreira ofreceu unha conferencia á cativada do Conservatorio.

Esta mañá de venres o auditorio de Verín viviu unha intensa e divertida xornada musical. O escenario, no que estaba grande parte do corpo de mestres do Conservatorio de Música da vila, convertiuse nunha improvisada e lonxana aldea chamada "Musilandia", onde os seus habitantes eran os instrumentos dos que se imparte disciplina no centro das artes verinense. 

O presentador, experto contacontista, Fran Guede foi, un por un, presentando a cada un dos seus habitantes. Do outro lado, case medio milleiro de alumnos dos centros María Inmaculada, Amaro Refojo e CEIP Princesa de España -todos en Verín-, así como os cativos do CRA -Colexio Rural Agrupado- Monterrei, e os enviados dende o Rodolfo Núñez de Vilardevós, Augusto Assía da Mezquita e o CEIP de Oímbra.

A participación deles foi moi activa, interactuando en todo momento co presentador. Os máis atrevidos incluso subiron ao escenario para dirixir á orquestra de mestres, que como bos e disciplinados instrumentistas tocaba ao ritmo que lle marcaban as, ás veces, desacompasadas batutas.