FOTOGALERÍA | Verín foi unha marea de cores e ritmo no desfile infantil da Batucada 2025
A alegría e o ritmo da Batucada Infantil volveu inundar as rúas de Verín. Unha mañá inesquecible para a cativada da bisbarra -e para toda a vila- que trouxo a maxia de Disney nun desfile que se adiantou un día á propia Festa da Batucada de Verín debido a que mañá, 25 de xullo, é festivo e as ludotecas permanecerán pechadas. Deste xeito, a cativada puido participar e gozar da festa.
Dende as 11:00 horas, unha marea de máis de 350 nenas e nenos encheu de cor e son as rúas da vila. Os participantes procedían da ludoteca e do campamento urbano de Verín, das escolas deportivas, do CDR Portas Abertas e da Ludoteca de Cualedro, o que demostrou a gran participación e o carácter integrador da iniciativa.
Este ano, o desfile tivo un toque especialmente máxico, xa que os pequenos foron disfrazados de personaxes do universo Disney, enchendo as rúas de fantasía e ilusión. O percorrido, que comezou no CEIP Amaro Refojo, levou a batucada infantil pola Praza do Concello e rematou na Praza García Barbón, onde a festa e o bo ambiente estiveron garantidos.
Non remata aquí a diversión para a cativada. Mañá continua no río de Verín coa xa tradicional festa acuática con inchables e animación musical.