FOTOGALERÍA | Semana grande na ludoteca de Verín

Os nenos e nenas da ludoteca desfrutando dunha merenda na festa de disfraces deste xoves. | FOTOS: Anabel G. Simón.
Todo o grupo coas monitoras.

Os nenos e nenas da ludoteca e do campamento urbano municipais do Concello de Verín están a vivir a súa semana grande coa participación en divertidas e variadas actividades que culminarán mañá, venres 28 de xullo, co tradicional desfile da “Ludobatucada”.

Comezaban a semana con forza participando en diversas iniciativas como manualidades, xogos, horto urbano e contacontos. Como non podía ser doutro xeito, o martes 25 de xullo celebraron o Día da Patria Galega con actividades culturais e lúdicas sobre a historia, a lingua e as tradicións de Galicia.

Durante o mércores e o xoves, os maiores do campamento urbano foron ata á Pousa para participar nunha ruta sendeirista e realizar xogos na zona recreativa. Mentras, os maiores da ludoteca participaron nunha xincana na praza García Barbón polo día e nunha acampada no Princesa de España pola noite. Sen esquecer que os máis pequenos da ludoteca teñen actividades cos avós e avoas, por ser onte (día 26 de xullo) o seu día. Ademais, os cativos do grupo, desfrutan unha festa de disfraces no CEIP Princesa de España.

O día grande da semana será mañá, venres 28 de xullo. Xornada na que celebrarán o esperado desfile da “Ludobatucada”; este ano terá como temática o “Mundo Mariño”. Máis de 260 nenas e nenos desfilarán polas rúas de Verín dando a benvida á Batucada 2023.

O desfile comezará ás 11:00 horas dende o CEIP Amaro Refojo para percorrer a rúa Laureano Peláez, Praza do Concello,
Praza da Mercé, Rúa da Cruz e Praza García Barbón. Un desfile no que participarán nenos e nenas das ludotecas de Vilardevós, Cualedro e do CDR Portas Abertas. 

Unha xornada musical na que, tanto na Praza do Concello como na Praza García Barbón, dous grupos de nenos farán un baile. A "Ludobatucada" rematará coa xa tradicional “Festa Infantil da Ludoteca” no CEIP Amaro Refojo. Estas iniciativas teñen como obxectivo ofrecer un espazo educativo e divertido durante as vacacións escolares, fomentando valores como a convivencia, a solidariedade, a creatividade e o respecto ao medio ambiente.