FOTOGALERÍA | O Entroido de Verín, protagonista da XXV Festa do Lacón con Grelos de Cuntis

Os cigarróns e a Banda de Gaitas de Verín sorprenderon ao público.
Manuel Campos Velay e Juan Carlos Castro coa figura do cigarrón.
XVI edición da mostra do encaixe "Palilleiras no Lacón con Grelos".
As novas xeracións de cigarróns tamén foron a Cuntis.
XVI edición da exposición "A camelia no Lacón con Grelos".
Desfile da Banda de Gaitas do Concello de Verín.
O desfile dos cigarróns polas rúas de Cuntis foi seguido por centos de persoas.
Non é a primeira vez que Los Támega Charanga amenizan a "Festa do Lacón con Grelos" de Cuntis.
Diversos grupos tradicionais participaron nos festexos.
Feira da artesanía e produtos agroalimentarios.

A celebración dos 25 anos da Festa do Lacón con Grelos de Cuntis contou cun convidado moi especial, o Entroido de Verín. Esta fin de semana cumpríanse as vodas de prata dun dos eventos gastronómicos con máis sona de Galicia, ao que asisten milleiros de persoas cada ano.

Nunha conmemoración tan especial, a tríade formada pola Asociación Cigarrón de Verín, a Banda de Gaitas municipal e a Charanga Los Támega foi unha das grandes protagonistas do evento. Unha vintena de cigarróns desfilaban polas rúas da vila o domingo, Los Támega amenizaban a sesión vermú e a Banda de Gaitas de Verín sorprendía aos asistentes.

Cuntis reúne na súa Festa do Lacón con Grelos unha boa escolma das tradicións galegas. Levan 16 anos abrindo a Mostra do Encaixe, os mesmos que a Exposición da Camelia. A Feira da artesanía e produtos agroalimentarios dedicou nista edición unha homenaxe á cerámica de Castrolandín.

Juan Carlos Castro, presidente da Asociación Cigarrón de Verín, agradecía a oportunidade de dar a coñecer o noso Entroido ao alcalde de Cuntis, Manuel Campos Velay, entregándolle unha figura do cigarrón como agasallo.