FOTOGALERÍA | Comeza a Batucada 2023 coa cativada

Os nenos e nenas da Ludoteca preparándose para saír. | FOTO: Anabel G. Simón.
Protección Civil axudou á organización do acto.
Un dos grupos organizou un baile na Praza do Concello.
Rosario Rodríguez, Samanta Barreira e Manuel Lorenzo.
Nenos da Ludoteca de Cualedro.
Nenos do CDR-Portas Abertas.
Ludoteca de Vilardevós.

Comeza a celebración da Batucada 2023 de Verín coa participación da cativada da bisbarra. Esta mañá, o desfile infantil da Ludobatucada contaba coa presenza de máis de 260 cativos disfrazados con referencias ó mundo mariño. Ademáis dos rapaces e rapazas da ludoteca e do campamento urbano de Verín, no desfile participaron nenos e nenas das ludotecas de Vilardevós, Cualedro e do CDR Portas Abertas. 

A festa infantil continuará pola tarde. Dende as 16:30 e ata as 19:00 horas, na praia fluvial do río Támega haberá inchables e animación musical co concerto infantil da man de Gramola Gominola, unha banda de auténtico Rock&Roll en galego para público cativo que actuará ás 19:30h. Xa na noitiña, dende as 23 horas, a discoteca móbil Enjoy encherá de música a Praza García Barbón.

Sábado 29

Día grande da Batucada de Verín que, este ano, non terá lanzamento masivo de auga. Samanta Barreira, concelleira de Festexos, Cultura e Turismo de Verín, xa explicaba o motivo na presentación da festa: "A auga que se lanzaba é apta para o consumo humano e non podemos malgastar un recurso tan valioso e necesario".

Pero si haberá moita troula. Ó longo da tarde, a Discomóbil A Gramola será aencargada da animación musical na Praza García Barbón. Dende as 17.00, e ata ás 19 horas, terá lugar a Festa da Escuma, cunha zona acotada para menores de idade na que non se pode entrar con vidro.

O desfile de batucadas sairá da mesma praza ás 19:00 horas percorrendo as rúas da Cruz, a Mercé, Laureano Peláez e Irmáns Moreno. Na batalla con ritmos e sons de tambores participarán a Banda de Gaitas do Concello de Verín e as batucadas Latexo, Os Queimatasas e Bloquinho de Xérmolos. 

O punto final da Batucada 2023 será na Praza García Barbón coa música da Discomóbil A Gramola dende as 23:30 e ata a madrugada.

Como cada ano, contarase coa presenza de voluntarios de Protección Civil de Verín para velar pola seguridade dos participantes. Membros da Policía Local tamén estarán presentes.