FOTOGALERÍA | Artesanía e sabor en Verín, un Lázaro para recordar
O Lázaro reviviu os seus mellores tempos cunha Feira de Artesanía e Alimentación que contou con ducias de postos ofrecendo delicias gastronómicas e os máis variados produtos para todos os gustos. Dende xoguetes a xoiaría, pasando pola cerámica artesá ou o traballo do coiro, o pavillón deportivo de Verín acolleu un dos mellores mercados do Lázaro dos últimos anos.
Centos de persoas pasaron nalgún momento da fin de semana pola Feira de Artesanía e Alimentación do Lázaro, inaugurada o sábado á mañá, enchendo un pavillón que, por veces, ficaba pequeno para acoller aos asistentes. Xa o ano pasado, os expositores que participaron lle daban un sobresaínte á organización do evento, satisfeitos tamén coas vendas acadadas.
O domingo foi xornada de entrega de premios, Manuel Lorenzo, concelleiro de Feiras, Transporte e Xuventude en Verín, era o encargado de dar a coñecer os resultados do concurso Pincha no Lázaro. Tras percorrer e saborear a ruta de tapas, os técnicos do xurado votaron como mellor pincho a "Estocada de langostinos sobre pan frito e vinagreta", do restaurante A Fonte; local que tamén conseguiu alzarse co recoñecemento ao pincho con maior dificultade de elaboración. As "Carrilleiras de porco ao Aturuxo" foron votadas como o pincho con mellor sabor e o "Solombo recheo ás cinco delicias" do restaurante Brasil levouse o recoñecemento á mellor presentación.
Durante os tres días do concurso servíronse un total de 4.735 pinchos, sendo o Restaurante Brasil o local con máis participación, con máis de 600 unidades servidas, das cales case 300 foron só o xoves!