FOTOGALERÍA | Da Bemposta a Cuntis, os Cigarróns non colgan o traxe!

Os Cigarróns desfilaron no 'Encontro Internacional de Rituais Ancestrais' en Bemposta, Portugal.
A Banda de Gaitas de Verín tamén participou no encontro.

Este ano, non paran. A Asociación Cigarrón de Verín continúa dando a coñecer a nosa tradición entroideira e a historia do traxe, a máscara e o personaxe que nos representa.

Veñen de participar no Encontro Internacional de Rituais Ancestrais que se celebrou na Bemposta, Portugal, a pasada fin de semana... e xa están preparando a maleta para ir celebrar os 25 anos da Festa do Lacón con Grelos de Cuntis. Comeza mañá, pero será o domingo cando desfilen os Cigarróns polas rúas acompañados pola Banda de Gaitas do Concello de Verín.

A localidade raiana de Bemposta brillou da man dos 73 grupos de mascaradas, caretos e gaiteiros que participaron no festival "Rituais Ancestrais". Ademais dos Cigarróns de Verín, seis grupos galegos presentaron as tradicións do Entroido das súas zonas. 

Chocalheiro de Bemposta, a mascarada anfitriona do evento, abría un desfile no que participaron máis de mil persoas lucindo as mellores galas do seu Entroido. Foi a cuarta edición dun evento ao que acudiron máscaras de diferentes rexións de España, Portugal, Italia e Bulgaria. Únha excelente oportunidade para coñecer a diversidade cultural das tradicións entroideiras.