Emilia Somoza, no seu último mitin en Verín: "Diego será alcalde, non hai fallo"

Secundino Fernández, candidato do BNG á alcaldía de Viana, con Ana Pontón. | FOTOS: Noelia Caseiro.
Rafael Pérez, á esquerda, alcalde da Mezquita, con Ana Pontón e o candidato por Castrelo do Val, Xosé Barxa Branco.
Emilia Somoza, a aínda concelleira do Concello de Verín, coa voceira nacional do BNG.
Rafael Pérez, coa secretaria comarcal do BNG, Samanta Barreira.
Perfecta Losada Sotelo, candidata do BNG ao Concello de Oímbra, abrazando a Emilia Somoza.
Diego Lourenzo, o candidato do BNG á alcaldía de Verín.
Ana Pontón recibe a aperta de Diego Lourenzo.
A voceira nacional do BNG, Ana Pontón.
Samanta Barreira, terceira na lista de Diego Lourenzo Moura.
O médico internista do Hospital de Verín e concelleiro, Eugenio Quintas.
Emilia Somoza encargouse de abrir o acto central do BNG.

O acto central da campaña electoral na comarca de Monterrei dos nacionalistas do BNG tivo, este sábado na Praza da Mercé, un protagonismo partillado. Aínda que todos se esforzaron en darlle os azos precisos a Diego Lourenzo para facerse ca alcaldía do Concello de Verín, Emilia Somoza roubou, sen seguro desexalo, grande parte dos aplausos e abrazos. Era a súa despedida da vida pública da vila como concelleira de Cultura do Concello de Verín e, tanto ela, como o resto de compañeiros da súa formación se encargaron de lembrarllo aos presentes en cada unha das intervencións. 

Emilia tivo que interromper o seu discurso varias veces porque as bágoas agromaban por momentos. Arrincou dando as grazas polos "abrazos de Diego, cos que sempre me recibía cada mañá (...); ou a Puri, esa compañeira coa que fomos unlla e carne (...); a Samanta, que reforzou a miña valía con algo que a min sempre se me resistía, como era a informática (...), e ao resto dos compañeiros, que fixeron que ese café despois de cada pleno soubese a gloria". Tivo tamén Somoza Basalo unha lembraza para o rexedor, Gerardo Seoane ("a amizade sempre debe de estar por enriba da política"), para toda a plantilla do Concello, e moi especialmente para aqueles que nos últimos tempos se encargaban de "mover dun lado para outro os instrumentos do Conservatorio, eles mesmos bromeaban dicindo que isto nin que foramos a Panorama". 

Rematou Somoza Basalo afirmando que "deixa o seu corazón repartido en anaquiños por toda a vila, porque nunca me sentín de fóra de Verín. En  Verín estades cos mellores e, non dubidedes, Diego ten que ser o alcalde de Verín, non hai fallo". 

Aínda tería que enxaugar algunha que outra bágoa coas intervencións do resto de participantes no mitin central do BNG, como a do doutor Eugenio Quintas -quen lembrou que non pudo dicir que non a Diego Lourenzo cando o BNG se posicionou de xeito "tan claro na loita polos dereitos básicos das persoas, como foi aquela do 2019 cando nos tentaron pechar un paridoiro"- ou a da secretaria comarcal da formación nacionalista, Samanta Barreira, quen destacou o carácter transformador do BNG no equipo de Goberno de coalición dende o 2015 e louvou indirectamente a figura de Emilia Somoza asegurando que "Verín ten hoxe a mellor e máis constante programación cultural da provincia de Ourense (...). Grazas Emilia, grazas por tanto", lle adicou Barreira Vivián. Con Samanta souberon tamén os presentes que os soños do pequeno Diego xiraban, sempre, arredor da alcaldía de Verín, que rematou dicindo: "Teñamos a coraxe de seguir ao noso corazón. Todos temos que confiar nalgo (...), e eu, para Verín, confío en ti, Diego; ao igual que para este país, confío nela, en Ana Pontón".



Entre os moitos logros do tenente de alcalde e candidato á alcaldía do Concello de Verín, Diego Lourenzo; a voceira nacional do BNG, Ana Pontón destacou "que aquí se respirase liberdade, algo que é un verdadeiro oasis en Ourense. Fixemos moito, pero queda moito por facer. No BNG pensamos en grande e sei que queres conseguir infraestruturas básicas longamente reclamadas como o parque empresarial de Tamagos ou a gardería infantil, porque é unha vergoña que a segunda vila máis grande da provincia non teña este servizo e nais e pais teñan que levar aos seus nenos e nenas fora do concello".

"E todo polo sectarismo político do Goberno do Partido Popular, denunciou, pero iso vai cambiar moi pronto, e quero dicirlle ao próximo alcalde de Verín e a toda a veciñanza que este concello vai ter todo o meu apoio como presidenta de Galiza para que reciba o que se merece, e non por favoritismo, senón por xustiza, para tratar a todos e todas por igual!", alegou.

 Pechou, como non podería ser doutro xeito, Diego Lourenzo, o candidato nacionalista á alcaldía do Concello de Verín. Falou inicialmente daqueles que "só facían pór pedras no camiño do avance desta vila, os mesmos que destruíron o tecido social, os que meteron medo á xente, xogaron co seu pan e agora hoxe eles están na casa e nós estamos aquí", nunha clarísima referencia ao xa exlíder dos populares verinenses, Juan Manuel Jiménez Morán, que nin tan siquera aparece na candidatura do PP á alcaldía de Verín. 

Non quixo o voceiro local do BNG deixar de lembrar á "verdadeira e gran arquitecta do renacemento cultural de Verín. Unha muller que, cunha honestidade e humildade incomparables, se entregou a esta vila con devoción, sen agardar nada a cambio, e logrou converter a nosa vila nun epicentro cultural e de lecer para toda a provincia de Ourense", en alusión á concelleira Emilia Somoza. 

Rematou o candidato nacionalista asegurando que "cun goberno do BNG, as nosas parroquias e aldeas nunca volverán a ser esquecidas (...). Daremos vida á nosa aspiración de construír unha gardería municipal (...), demandaremos á Xunta de Galicia a execución do Polígono Industrial de Tamagos, algo fundamental para o futuro; e seguiremos alimentando ese corazón da nosa vila, que é a cultura, con máis arte, máis música, máis cinema e máis literatura. E farémolo porque temos as ideas e as propostas, e temos experiencia. A experiencia que lle falta a algunha (nunha velada alusión á candidata do Partido Popular, Lara Da Silva) pero sen a soberbia que lles sobra a outros (aquí, quen suscribe ten dúbidas, Jiménez ou Seoane?)".