José González destaca no Riós o potencial da comarca de Verín para impulsar a rehabilitación de vivendas | NOTICIAS VERÍN
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, mantivo esta tarde en Riós un novo encontro con empresariado e representantes de distintas entidades interesadas na nova convocatoria de impulso á rehabilitación de vivendas destinadas a persoas traballadoras, cuxo prazo de solicitude permanecerá aberto ata o 15 de xullo.
Durante a xuntanza, José González referiuse á comarca de Verín como unha das zonas máis favorables para o desenvolvemento desta convocatoria, ao contar cunha elevada porcentaxe de vivendas baleiras. Ademais, lembrou que as bases da orde dan prioridade ás actuacións nos concellos de menos de 5.000 habitantes, unha condición que cumpren a maior parte dos municipios da bisbarra.
A iniciativa, impulsada conxuntamente polas consellerías de Emprego, Comercio e Emigración e de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, ten como obxectivo contribuír á cobertura de vacantes laborais mediante a posta á disposición de vivendas para persoas traballadoras e, ao mesmo tempo, recuperar inmobles deshabitados, inacabados ou deteriorados para favorecer a fixación de poboación no rural galego, especialmente en localidades con menos de 20.000 habitantes.
A orde estrutúrase en dúas liñas de axudas. A primeira está dirixida a empresas e persoas físicas ou xurídicas, mentres que a segunda está destinada aos concellos. As subvencións poderán cubrir ata o 95 % do orzamento da rehabilitación.
No caso das vivendas unifamiliares, as achegas poderán alcanzar os 50.000 euros cando as soliciten empresas ou persoas físicas, e ata 75.000 euros no caso dos concellos. Para edificios residenciais colectivos inacabados ou en situación de esqueleto inmobiliario, a contía máxima será de 30.000 euros por vivenda, cun límite global de 300.000 euros por inmoble.
A convocatoria contempla dúas posibilidades de actuación. A primeira permite que empresas con centros de traballo en Galicia rehabiliten vivendas das que sexan propietarias, usufrutuarias ou cesionarias do uso durante un mínimo de dez anos para destinalas á residencia habitual das súas persoas traballadoras, favorecendo así a cobertura das súas necesidades de persoal.
A segunda opción posibilita que as empresas acorden con persoas propietarias de vivendas ou cos propios concellos que sexan estes quen acometan a rehabilitación dos inmobles para que posteriormente sexan ocupados por traballadores das empresas participantes.
Segundo explicou o conselleiro, as vivendas deberán destinarse ás persoas traballadoras en réxime de alugueiro ou cesión de uso e non poderán situarse a máis de 15 quilómetros do centro de traballo da persoa beneficiaria final, sempre dentro de concellos con menos de 20.000 habitantes.
No proceso de valoración das solicitudes teranse en conta aspectos como a distancia entre a vivenda e o posto de traballo, a proximidade ao transporte público ou ás vías de alta capacidade, así como a prioridade para persoas empregadas en sectores estratéxicos, entre eles o agroalimentario, o forestal ou o dos coidados. Tamén se valorará a sostibilidade das actuacións de rehabilitación.
José González cualificou esta convocatoria como unha iniciativa sen precedentes para avanzar na cobertura de vacantes laborais, facilitando ás persoas traballadoras o acceso a unha vivenda que lles permita aceptar un emprego e establecerse no rural con garantías, tanto no caso da man de obra residente en Galicia como da procedente do exterior.
Como continuación desta rolda informativa, o conselleiro manterá o vindeiro martes un encontro no Concello de Verín co mesmo obxectivo de dar a coñecer esta convocatoria e resolver as dúbidas das persoas e entidades interesadas.