FOTOGALERÍA | 100 "latexos" en imaxes
Velaquí os momentos máis intensos do acto central de apadriñamento dun dos castiñeiros do Riós a un bo número de mulleres creativas e de recoñecido prestixio no panorama cultural e musical galego.
O evento estivo en todo momento comandado polo polifacético Rubén Riós, pai da iniciativa que leva xa XVII edicións celebrándose, aínda que con nomes distintos.
Desta vez foron todas mulleres as homenaxeadas, nomeadamente Jaione Camborda (Concha de Ouro Festival de San Sebastián 2024), Paula Carballeira (Premio Nacional de Literatura Dramática 2023), Yolanda Castaño (Premio Nacional de Poesía 2023), a orriolense Begoña Vázquez (Mellor Chef Galega 2024), Carla Rivas (actriz na película "O Corno" Concha de Ouro en San Sebastián), Silvia Cerneira (compositora e intérprete musical, vocalista da Banda de Balbina) e Fillas de Cassandra (dúo emerxente de música de raíz integrado por María Soa e Sara Faro, que tiveron un especial protagonismo interpretando a capela un fragmento dun dos seus éxitos); as que pasaron a formar parte da Ruta do Talento, un percorrido entre castiñeiros centenarios de Riós, símbolo deste municipio "e que sacaron moita fame a moitas xeracións a través do seu froito, a castaña", lembrou na súa intervención o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor.
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, foi quen pechou a quenda de intervencións, pondo en valor a aposta desta cita pola cultura e pola dinamización económica da súa contorna e lembrando o protagonismo que a súa carteira como titular de Medio Rural lle outorgou á localidade de San Pedro de Pousada, no mapa de Agader, cun polígono agroforestal de iniciativa pública.
No acto estiveron tamén presentes, entre outros, o novo delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo; o senador socialista por Ourense e secretario provincial, Rafael Rodríguez Villarino; o deputado provincial e voceiro do PSdeG na Deputación, Álvaro Vila; os tamén deputados provinciais José María Lago e Marina Vaz, e rexedores como o da Gudiña, Nestor Ogando; Oímbra, Ana María Villarino, e mesmo o de Vedra con parte do seu grupo de Goberno, Carlos Martínez.
Rubén Riós e Eva Barrio, a rexedora local, exerceron de perfectos anfitrións.
Logo da camiñata ata o souto e regreso ao punto de partida, máis de 300 persoas participaron no xantar con carne ao caldeiro como prato principal tralos entrantes a base de empanada e produtos do porco.