FOTOGALERÍA | Día de cinema para a cativada no FIC de Verín

Caras de felicidade entre os e as escolares que participaron na actividade infantil do Festival de Curtas. | FOTOS: Noelia Caseiro.
Raquel Queizás volveu ó FIC de Verín para achegar o cinema á cativada da bisbarra.

Ista mañá o Auditorio de Verín encheuse cos peques da bisbarra. O FIC Vía XIV tiña preparada a súa xa tradicional actividade para facer partícipe á cativada do mundo do cinema ca gran novidade dista edición: a creación da categoría infantil no certame, que pasa a ser oficial e terá premio para a mellor das curtametraxes exhibidas. 

Máis de medio millar de nenas e nenos participaban na iniciativa "Vémonos no futuro". Dirixida pola narradora oral Raquel Queizás, a actividade divulgativa buscaba achegar o mundo do cinema ó público infantil a través da ciencia ficción. Un espectáculo que "mestura a narración oral co teatro e co cinema e convida á rapazada dos centros educativos de Verín e comarca a unha fantástica viaxe no tempo", explicaba Raquel Queizás.

Ó longo da mañá, a cativada visionaba unha serie de curtas programadas especialmente para ela: O monstro e a nena, Ovo, Papirola e Chimborazo. A veterana colaboradora do FIC de Verín creou un espectáculo no que: "Tentei axudar aos pequenos e pequenas a conectar o poder da literatura co do cinema para imaxinar futuros: futuros pasados. Puidemos coñecer as primeiras adaptacións literarias de ciencia ficción levadas para a gran pantalla e gozamos dos pioneiros efectos especiais", abonda Raquel Queizás.

Dende os inicios do Festival de Curtas, o certame tivo coma obxectivo atender ó público infantil da bisbarra. Carlos Montero, director do FIC de Verín, insiste: "Consideramos que achegar o cinema aos rapaces e rapazas de Verín e comarca é fundamental para axudar a conformar espectadores críticos para o día de mañá”.