Maiores e cativada compartiron xogos, conversa e almorzo no Centro de Día "Raiola"

Segundo o psicólogo especializado en envellecemento, Francisco Moreno, os programas interxeracionais axudan a mellorar a saúde para a poboación que envellece.
Pequenos e maiores compartiron sorrisos e xogos.
Os monitores da ludoteca de Verín e o persoal de Raiola acompañaron as actividades.
Construíron xuntos un boneco con fariña, globos, arroz e la.
A cativada, de entre 5 e 6 anos, pasou preto de dúas horas cos maiores do centro.
Unha das nenas escoita a un usuario de Raiola mentres constrúen un boneco.
Ademáis de xogaren xuntos, tamén compartiron almorzo.
Os maiores tiveron hoxe unha actividade diferente no centro.
Miradas de complicidade e conversas interxeneracionais.
O persoal do centro e da ludoteca quere seguir apostando por estas actividades.
Foron moitos os sorrisos de complicidade e axuda mútua entre pequenos e maiores.
A diferenza xeneracional non dificultou a diversión conxunta.
O tempo pasou voando hoxe en Raiola.
Unha usuaria axuda a un dos cativos a empregar a la no seu boneco.
Nenos e maiores xogando co paracaídas.
As caras de felicidade eran evidentes.
O momento de xogar co paracaídas foi o máis agardado polos cativos.
O encontro supuxo unha experiencia de aprendizaxe mútua.
Realizaranse máis xornadas coma esta no futuro.

O Centro de Día de Verín, Raiola, organizou hoxe un convivio interxeneracional coa colaboración da ludoteca de Verín. A cativada, de entre 5 e 6 anos, pasou preto de dúas horas cos maiores do centro, compartindo xogos, conversa e actividades. 

Coa axuda do persoal do centro e dos monitores que acompañaban aos nenos e nenas, este novidoso programa interxeneracional aspira a converterse en habitual. Foron moitos os sorrisos de complicidade e axuda mútua entre pequenos e maiores mentres trataban de fabricar bonecos con globos, fariña, arroz e la. Sorrisos que se incrementaron cando, conxuntamente, comezaron a xogar co paracaídas de cores, xusto despois de teren compartido zumes e galletas como aperitivo de media mañá. 

Algunhas investigacións, segundo afirma o psicólogo especializado en envellecemento, Francisco Moreno, teñen mostrado que o incremento na actividade física, cognitiva e social que se obtén a partir dos programas interxeracionais pode axudar a mellorar a saúde para a poboación que envellece e mellorar a aprendizaxe nos máis novos. Outras investigacións indican que a participación en interaccións interxeracionais posibilita experiencias pracenteiras para as persoas maiores e mellora a súa autoimaxe e identidade, ao incrementar o seu sentimento de ser útiles para os demais.

Dende Raiola afirman que seguirán incentivando este tipo de convivios interxeneracionais, así como incrementando o seu programa de actividades de recuperación dos vellos oficios tradicionais da zona –fabricación de queixo, liño, xabón...–.