FOTOGALERÍA | A chuvia non augou un novo éxito da ruta das Covas de Seadur
Ben é certo que nunca, case nunca chove a gusto de todos, aínda que en Galicia chove, e bastante. Pero iso... Realmente importa cando de disfrutar de bo viño e mellores pinchos -tamén de culler- se trata?
A ruta das Covas de Seadur sempre coincide en sábado de Semana Santa. A chuvia tamén quixo acompañar un anaco da festa, pero non foi quen de impedir que case 1.800 persoas se achegasen pola aldea para un saboroso percorrido onde non faltaba de nada: pinchos, recuperando pratos como garbanzos, callos ou caldo, ademais de paella, orella, humus e unha ampla variedade de embutido. E, para acompañar todo o anterior, bo viño da zona e, por primeira vez, da denominación de orixe Valdeorras. Aínda que nada do anterior tería sentido... Sen que? Sen a música de charanga, por suposto!
Nin o máximo responsable da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte; nin o director xeral de Turismo, Xosé Manuel Merelles, quixeron perder tan xa inescusable cita etnográfica e gastronómica. Deixáronse ver tamén outros alcaldes e alcaldesas, como a veciña Melisa Macía, de Vilariño de Conso, ou mesmo o de Vedra, Carlos Martínez.
Éxito de público nos 20 anos de celebración, e o primeiro no que xa se tramita a declaración de Ben de Interese Cultural na Xunta de Galicia desta festa. Que non sería posible sen a organización da Asociación de Coveiros e a incuestionable colaboración do Concello de Larouco, presidido por Patricia Lamela Rodríguez.