FOTOGALERÍA | O campo da Limia protesta en Ourense

Non foron 300, senón tres. Non foron miles, apenas uns centos. A segunda protesta na rúa do sector primario da Limia non xuntou nin tantos tractores nin tanta xente como en marzo en Xinzo, pero fíxose escoitar en Ourense. Representantes de agricultores e gandeiros, produtoras e familiares, e algúns políticos, como a alcaldesa de Xinzo ou o deputado nacionalista Iago Tabarés, manifestáronse esta mañá entre a Delegación Territorial da Xunta e a Subdelegación do Goberno. “Loitamos para poder vivir do noso traballo”, dixo ao final da mobilización Amador Díaz, concelleiro, líder dos pataqueiros e regantes. Díaz, que en Xinzo abriu a marcha co seu tractor, esta mañá pechou a protesta polas rúas da capital provincial. Ou atenden as nosas reivindicacións ou o seguinte chanzo será Compostela, avisou ao remate.

FOTOGRAFÍAS: Noelia Caseiro.