FOTOGALERÍA | Logo da seitura do centeo, tempo da malla na Mezquita

Recreación dos traballos da malla na Aira de Verano da Mezquita. | FOTOS: Noelia Caseiro.

A Aira do Verano da Mezquita acollía onte a recreación do traballo da malla, tal e como se facía hai corenta anos logo da seitura. Un grupo de veciños traballou a reo para separar os grans de centeo da palla, completando o ciclo de labores do cereal.

Un centeo, o da Mezquita, que é un dos máis antigos da Península Ibérica. Nas escavacións realizadas no castro de Castelo Pequeno de Santigoso apareceron sementes diste cereal con máis de 2.000 anos de antigüidade, constantando que o cultivo de centeo nas terras da Mezquita xa se realizaba na Idade de Ferro.

Dende o 2017, o Concello da Mezquita está a apoiar as intervencións para o estudio do castro situado ó carón da aldea de Santigoso, un dos castros máis relevantes de Galicia pola súa extensión. Os traballos arqueolóxicos realizados ata o de agora puxeron de relevo que a extensión deste castro alcanza as 12 hectáreas.

Porén, o Concello da Mezquita puxo en marcha a actividade Tempo de Malla, co obxectivo de recuperar as tradicións labregas e pór en valor a historia do cultivo diste cereal. Unha xornada que combinou traballo e troula para convertela nunha festividade e na que, tamén, recuperaron as vestimentas tradicionais dos labregos durante a seitura e a malla.